A conservación do lobo non se pode facer a costa dos sectores gandeiros, é responsabilidade de toda a sociedade.

Desde a FRUGA demandamos da Consellería de Medio Ambiente que asuma as súas responsabilidades e non faga deixación das súas funcións.

Santiago de Compostela 25 de febreiro de 2021. Perante a polémica xurdida a raíz da decisión adoptada polo Goberno español de incluír o lobo na Lista de Especies de Protección Especial, desde a FRUGA queremos manifestar o nosa posición ao tempo que facer as seguintes consideracións. Non entendemos porque a Xunta de Galiza pretende unha vez mais excluír a nosa organización das diferentes xuntanzas e mesas de traballo que se están levando a cabo para tratar este tema. Ao noso entender a Xunta de Galiza con esta polémica está pretendendo agachar a sua incapacidade para resolver outros problemas de fondo como poden ser que na Galiza se leven moitos anos cos prezos mais baixos no sector lácteo ou que non sexa quen de consensuar un Plano Forestal, amplamente contestado desde distintos sectores da sociedade galega ou que non presente solucións reais para enfrontar o devalo demográfico e o despoboamento rural, por citar so algúns problema.

Desde FRUGA gostariamos saber con certeza se todos os ataques atribuídos á accións dos lobos son realmente producidos por esta especie ou ben podería ser que moitos deses ataques, que son certificados como tales, se poden deber ao ataque de cans asilvestrados, de cans de caza ou cans que anden ceibos. Tras consulta con distintos entendidos na materia, estes din-nos que practicamente non é posíbel diferenciar o ataque dun lobo do de un can. O que si pode a Consellería de Medio Ambiente afirmar, con case total certeza, é que os ataques son producidos por cánidos, outra cousa ben distinta é cuantificar se todos son atribuíbeis ao lobo.

Neste sentido queremos-lle preguntar á Consellería de Medio Ambiente se ten estudos e traballos feitos pola comunidade científica de que todas as poboacións que se teñen como lobos o son, ou se cabería a posibilidade de que algunha fose de poboacións híbridas, xa que esta circunstancia xa se comprobou, nalgunha parte do País, onde as probas de ADN demostraron que non se trataban de poboacións de lobo puras, polo que exiximos da Consellería de Medio Ambiente maior rigor científico.

Non é fácil de entender que unha problemática deste calibre a Xunta se pretenda deixar nas mans dos cazadores, cando estes son persoas que practican unha afición. Non parece serio responsabiliza-los deste cometido. Pensamos que isto pode polarizar aínda máis a sociedade entre defensores e detractores da caza, cousa que un gobernante ou dirixente nunca pode, nin debe facer. Desde a FRUGA queremos facer un chamamento para non caer nesta trampa e procuremos puntos de encontro, partindo de que os custes da conservación do lobo non pode recaer sobre as costas dos sectores gandeiros, senón que terá de ser responsabilidade de toda a sociedade.

Ao deixar de ser o lobo unha especie cinexética é responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente o seu control, e é iso o que significa a inclusión do lobo no listado de protección especial. A sua inclusión neste listado non quere dicir que non se podan realizar controis da súa poboación alí onde se considere preciso. Por todo iso desde FRUGA demandamos da Consellería de Medio Ambiente que asuma as responsabilidades que lle corresponden neste asunto e non faga deixación das súas funcións.