Os prezos baixos do leite galego veñen impostos pola multinacional francesa Lactalis

Para a FRUGA tanto as administracións como as organizacións de produtores (OPL) non están cumprindo o seu cometido de defensa do sector produtor.

Lugo, 1 de marzo de 2021. Como consecuencia da renovación dos contratos lácteos dos últimos meses, observamos unha vez mais como os abusos da industria con respecto a imposición de prezos seguen a ser os mesmos. Tanto como se ten falado de incluír os custes de produción que ao final quedou en papel mollado. As industrias presentan unha oferta e o gandeiro non lle queda mais remedio que aceptala, e asignar que ese prezo xa cubre dabondo os custes de produción.

No situación actual, estamos a observar unha suba constante e continúa dos custes de produción, derivada da suba dos concentrados. En cambio o prezo a percibir polo leite e similar o das campañas anteriores, nalgúns caso aínda mais baixo que o ano 2020.

As industrias lácteas que operan neste país, son na súa maioría de capital foráneo, e desde logo nas explotacións leiteiras galegas fan o seu Agosto. É dicir en Galiza pagan os prezos mais baixos do Estado, e dos mais baixos da UE, con calidades similares.

Nesta última renovación de contratos observamos como a empresa Lactalis, de capital francés, presentou unha oferta aos gandeiros galegos, cuns prezos similares, nalgúns casos, e noutros con prezos mais baixos que a campaña pasada. Tendo en conta que esta industria é das primeiras en presentar a oferta, está a conseguir ser realmente quen fixe o prezo do mercado ao resto de compradores, co cal vemos unha vez mais como a terceira empresa a nivel mundial, en canto a volume de comercialización, é quen fixa o prezo que cobramos as ganderías galegas.

Desde a FRUGA observamos, como unha vez mais, tanto a lexislación aprobada ultimamente, que fala de non vender por baixo dos custes de produción, nen as organizacións de produtores (OPLs), están a cumprir o seu cometido. Si en cambio observamos como nalgunhas comunidades, onde realmente hai grupos de comercialización de base cooperativa, os prezos son superiores, casos de Andalucia, Asturias, Cataluña, Euskadi…..

FRUGA considera, que é vital, un papel mais activo das propias administracións, especialmente da Xunta de Galiza, co fin de favorecer a posta en funcionamento de organismos interprofesionais, que sexan quen de fixar uns prezos capaces de garantir un nivel de vida digno as ganderías lácteas deste país. Igualmente Galiza como primeira potencia produtora do Estado, ten que liderar unha vez mais uns acordos dignos para os gandeiros galegos. Non podemos ter os prezos mais baixos do estado, e dos últimos de Europa, para o que se precisa favorecer a posta en marcha e consolidación de proxectos de comercialización e transformación de base cooperativa, que repercutan o valor engadido nos produtores galegos.