Xurxo Álvarez, Presidente da FRUGA, considera que son moitos e diversos os asuntos que afectan ao rural galego o que nos leva a solcitar-lle unha reunión co fin de abordar o seu tratamento.
Cenlle, 16 de marzo de 2021. O día 8, deste mes, a Federación Rural Galega – FRUGA ven de rexistrar uma carta dirixida ao señor Conselleiro de Medio Rural ao considerar que durante os últimos tempos estamos asistindo a unha serie de problemáticas, iniciativas e propostas lexislativas, que están ou van ter grande repercusión sobre o mundo rural da Galiza, tais como a nova proposta de Política Agraria Común (PAC), a xestión do lobo ibérico, a situación dos sectores produtivos, o Plano Forestal da Galiza ou a proposición de lei de recuperación da terra agraria da Galiza, entre outros, polo que lle vimos a solicitar unha reunión para abordar o seu tratamento.
No que ten a ver coa nova PAC é crucial para os intereses dos produtores e produtoras da Galiza definir claramente quen terá dereito a percibir as axudas da PAC, o establecemento dos topes de axudas, os ecoesquemas e como van repercutir na nosa agricultura e gandería, ou como van ficar definidas as rexións agrícolas, por exemplo.
De falarmos da xestión do Lobo Ibérico, asunto de máxima actualidade como consecuencia da súa inclusión, por parte do Goberno español, na Lista de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE). Sabemos a trabes dos medios de comunicación que por parte da Consellaría se teñen celebrado varias reunións con entidades do sector, ás que a nosa organización non foi convidada motivo pelo que nos gostaría transmitir-lle directamente a nosa opinión ao respecto. Por outra parte seguen sobre a mesa outra serie de cuestións que teremos de abordar entre todas as partes afectadas, como a de procurar unha saída adaptada a nosa realidade ao tratamento das dexeccións gandeiras con fins fertilizantes, o apoio ao sector vitivinícola, o transporte escolar no rural ou a prevista implantación masiva de parques eólicos que afectan moito directamente ao noso rural, sen esquecer a necesidade de celebrar eleccións agrarias e a interlocución sectorial ao ser eliminadas todas as mesas sectoriais.
En concreto no que se refire ao documento que a Consellería denominou “Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego 2020-2025”, desde a FRUGA seguimos a constatar dúas realidades inmutábeis, pese a existencia deste plano, na Galiza seguimos a ter os prezos mais baixos de todo o Estado español, situación que se pode relacionar coa Lei da Cadea Alimentar, mas tamén por carecermos dunha política propia de transformación e valorización do noso leite, situación que debería mudar coa oportunidade aberta polos fondos europeos Next Generation, sen esquecer que na Galiza carecemos de marcos de relación interprofesional.
En canto ás proposicións de lei, que non proxectos de lei deste goberno, desde a FRUGA estamos preocupados enormemente en concreto coa proposición de lei de recuperación da terra agraria de Galiza, coa de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galiza, así como coa primeira revisión do plano forestal da Galiza e coa proposta de modificación da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Estamos seguros de que estas e outras preocupacións son compartidas polo señor Conselleiro e pola equipa que dirixe, polo que nos pareceu oportuno solicitar-lle unha reunión para manter un contacto persoal como responsábel político da Administración galega no ámbito do medio rural