As empresas foráneas soamente veñen a Galiza a conseguir materia prima barata.
Lugo, 23 de marzo de 2021. Ante o debate xurdido nos últimos días, a raíz das declaracións da empresaria Carmen Lence, sobre a necesidade dun grupo lácteo galego, desde FRUGA queremos amosar a nosa total sintonía coa creación deste proxecto transformador. Foi unha petición da Federación Rural Galega desde o seu nacemento, e que a dia de hoxe, parece ser que xa vai sumando mais apoios dentro do sector lácteo galego.
Unha boa parte do leite que se produce en Galiza non é transformado no noso país, e o que se transforma está destinado a produtos cun escaso valor acrecentado, como pode ser o leite liquido envasado, entanto a venda de produtos de alto valor representan unha parte exigua dos produtos postos no mercado por parte das empresas que operan na Galiza.
Galiza, pese a redución do número de granxas leiteiras, segue a ser unha potencia en produción de leite, sendo a primeira comunidade no estado español, con perto do 40% da produción total do estado.
Comprobamos como unha boa parte da produción láctea galega, aproximadamente o 30% do total producido, marcha en cisternas para despois ser transformada noutros puntos do estado. Igualmente podemos observar como na última década as explotacións leiteiras galegas cobraban, e seguen a cobrar, os prezos mais baixos do estado, con prezos moito mais baixos que Asturias, Cataluña, Andalucia, Euskadi…, lugares onde hai unha presenza de grupos lácteos de base cooperativa. En cambio a industria láctea asentada na Galiza utiliza a produción galega como a gran xeradora dos seus beneficios. É onde menos pagan, e cos baixos prezos pagados en Galiza poden aumentar os seus beneficios e seguir pagando prezos mais altos noutros puntos do estado. Galiza convertíase, deste xeito, unha vez mais en xeradora de materia prima barata para a industria española e francesa.
É evidente que Galiza precisa dunha industria propia, podendo ser de base cooperativa, que sexa capaz de conseguir o maior valor acrecentado para a produción leiteira galega, e desde logo isto non se vai conseguir con multinacionais, que soamente veñan a Galiza a conseguir materia prima barata, para despois investir os beneficios fora das nosas fronteiras. Desde FRUGA non queremos unha Alcoa do sector lácteo, que en calquera momento pode abandonar a súa actividade no país, e deixar en difícil situación os gandeiros e gandeiras galegas.
Desde FRUGA seguimos apostando polo grupo lácteo galego, e esperamos que a Xunta de Galiza, teña en conta dunha vez por todas estas peticións, que a dia de hoxe, xa non son demandadas unicamente pola Federación Rural Galega. Cando se traballa na consecución deste grupo, é preciso unificar o maior número de proxectos do sector, para así conseguir unha comercialización forte, que redunde nun maior beneficio para os produtores e produtoras galegas. Neste sentido facemos un chamamento urxente ao goberno galego para que aproveite os Fondos Europeos, Next Generation, para con eles constituír o grandemente demandado Grupo Lácteo Galego