Mais de 130 colectivos vimos de exixir, este día 5 coincidindo co día do medio ambiente, a paralización dos proxectos eólicos en tramitación.
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021. Este sábado celebrou-se en Santiago de Compostela unha grande mobilización para denunciar o espólio que se quere perpetrar conta o territorio rural da nosa Galiza mediante a invasión de macroproxectos eólicos. Baixo o lema “Eólica, así non” miles de persoas vindas de todos os pontos cardinais da Galiza achegaron-se a Santiago de Compostela para berrar “Eólicas si, mas non así”, para reclamar a paralización de todos os proxectos macroeólicos en tramitación, que nestes momentos andan perto dos 200 se sumamos tanto os que estan sendo tramitados pola Xunta da Galiza como a administración Estatal .
Desde a FRUGA denunciamos que non queremos seguir sendo unha fonte de materias primas baratas, sexa leite, carne, peixe, madeira ou enerxía, mas sen esquecer a man de obra que se nos vai vía emigración da nosa xuventude mellor formada. Como diría o clásico ESTAMOS FARTOS DE SER UNHA COLONIA.
No caso concreto da produción eléctrica confirma esta nosa afirmación. Nestes momentos Galiza concentra o 14% do total da potencia eólica instalada de todo o Estado español, cando representa menos do 6% de todo o territorio do Estado, o que se traduce en que a potencia instalada por quilómetro cadrado sexa de 130 kW, cando no Estado español é de 54 kW, e na Alemaña é de 72 kw por quilómetro cadrado, case a metado da que temos na Galiza. Isto ven implicar que o 28% da electricidade producida na Galiza é exportada para fora do País, ficando na nosa terra todos os prexuízos, tanto medio ambientais, paisaxísiticos, patrimoniais ou económicos via desertización do rural e que, a maiores, seguimos sen ter unha tarifa eléctrica galega que nos compense de todas estas pexas, e por cima levando-se todos os beneficios para fora, xa que non debemos esquecer que a maioría destas empresas implantadas na Galiza tributan fora.
De novo teremos que ser o pobo galego, como aconteceu no caso dos grandes encoros do anos sesenta do século pasado ou a intención de encher Galiza con 8 celulosas nos setenta dese mesmo século, que teremos de parar esta agresión ao noso territorio e a nosa capacidade de decisión, xa que terá de ser o pobo galego quen de decidir como mellor aproveitar os nosos recursos para que este redunden en beneficio da maioria social e non nos de unha minoria espoliadora, coa colaboración tanto do goberno galego do PP, como do goberno español do PSOE.