A FRUGA reclama-lle ao Conselleiro de Medio Rural e oa Presidente da Xunta a declaración de Zona Catastrófica para os territorios afectados polas fortes treboadas de sarabia.

Diante dos danos provocados nas explotacións agrícolas, de horta e viñedo polas tronadas de sarabia destes días, a FEDERACIÓN RURAL GALEGA – FRUGA reclámalle ao Conselleiro do Medio Rural e ao Presidente da Xunta a declaración de Zona Catastrófica para os territorios afectados.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021. As fortes treboadas de sarabia descargadas en distintos territorios da Galiza nos últimos días están a producir fortes danos, cando non a destrución completa, dos cultivos de moitas explotacións de froita, horta e viñedos. Estes danos supoñen unhas perdas económicas importantes para unhas explotacións que xa están ao límite da súa capacidade de resistencia no contexto da crise económica, e de restricións, dos últimos anos.

Hai que ter en conta ademais que estes danos non supoñen, na maior parte dos casos, perdas na colleita actual senón tamén danos nas infraestruturas das explotacións, e o máis importante: danos nas plantas que se traducirán na necesidade de repoñer moitas delas, ou sometelas a un proceso de saneamento e recuperación que afectará a súa produtividade nas próximas colleitas.

No día de onte foi o desastre nos viñedos na Ribeira Sacra, pero nos días anteriores tivemos danos noutros territorios como a Terra Chá, o Eume, o centro e montaña de Lugo, etc. As explotacións dos territorios afectados non poden estar só ao ditame das pólizas de seguros agrarios que poidan ter contratado, necesitan da acción decidida da Consellería do Medio Rural, do Goberno Galego, para que se aproben medidas de axudas, como pode ser a declaración de Zona Catastrófica, que permitan a súa continuidade e viabilidade. Os responsables políticos non poden mirar para outro lado mentres as persoas que pelexan por manter vivas as explotacións agrícolas e gandeiras, nun rural que se nos esvae económica e socialmente, se teñen que enfrontar soas aos “mercados”, ás crises políticas, sanitarias, e agora ás climatolóxicas.

Os responsábeis políticos, autonómicos e locais, teñen que actuar con carácter urxente e ditar as resolucións necesarias para que se avalíen os territorios afectados e a estimación dos danos sufridos nas explotacións, para a de xeito urxente habilitar as axudas que precisen para recuperarse e poder seguir coa súa actividade, que non é só económica senón tamén de mantemento do medio rural.

Neste sentido a Federación Rural Galega -FRUGA ven de remitirlle un escrito ao Conselleiro do Medio Rural instándolle a que dispoña que por parte do persoal técnico, das Oficinas Agrarias Comarcais e dos Servizos Provinciais, se leven a cabo os traballos de valoración dos danos producidos nos distintos territorios afectados, para poder determinar, de xeito consensuado coas organizacións agrarias galegas, as liñas de axudas convintes e necesarias.