É hora de repercutir os aumentos dos prezos aos e ás consumidoras nas explotacións leiteiras.

En tempos de crise as industrias lácteas e a distribución fan caixa a conta de subir o prezo aos e as consumidoras mentres a Xunta da Galiza mira para outro lado.

Lugo, 21 de xuño de 2021. Desde primeiro de ano, estamos a observar unha suba en todo os derivados lácteos, especialmente no que respecta o leite en po, e a manteiga, nas distintas modalidades. Estamos a falar dos prezos máis altos dos últimos cinco anos no leite en po, e na manteiga a situación é similar.

Os prezos que paga o consumidor, tanto no leite do dia, como nos distintos produtos lácteos transformados, están a sufrir alzas considerables, sendo estes uns bens de primeira necesidade e en tempos de crise. Estas alzas lonxe de repercutir de forma directa nos gandeiros e gandeiras galegas, soamente contribúen a incrementar os millonarios beneficios que teñen moitas industrias lácteas que operan en Galiza. É curioso ver como a día de hoxe os beneficios de certas centrais aumentan de ano a ano, en cambio o prezo que lle abonan ás e aos produtores segue estancando campaña tras campaña. Nalgúns casos existen empresas que contemplan nos contratos prezos de leite referenciados á evolución dos prezos dos derivados lácteos (leite en po e manteiga) a nivel europeo. Para evitar pagar mais no caso dos prezos destes derivados veñan a aumentar moito, como está a pasar nestes momentos, aplican aos contratos unhas cláusulas teito, de tal xeito que se estes prezos superar un determinado prezo a industria arroga-se a potestade de non aplicar a suba, evitando repercutir nos prezos a pagar aos produtores estas subas.

Actualmente observamos un incremento constante dos custos de produción, por un lado os importantes aumentos no custe dos concentrados alimentares, e por outra banda a importante suba do prezo da luz. Estamos ante un aumento considerable do que costa producir un litro de leite, e desde logo o agro galego non está para producir a perdas.

Se no ano 2013 se publicaba a lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentar e as súas posteriores modificacións coa introdución no ano 2020 do custe de produción no prezo como elemento mínimo dos contratos e no ano 2015 se asinaba o acordo lácteo para a sostibilidade do sector lácteo a nivel estatal, despois de todo este tempo, seguimos igual cuns prezos impostos de forma unilateral por parte das industrias baixo a ameaza de deixar a recollida no caso de nos negar a asinar o contrato. Por iso non é de recibo que despois de observar subas considerábeis nos prezos aos consumidores, aumento dos custes de produción, os prezos nas explotacións galegas sigan a ser os mesmos e os mais baixos do estado español.

Ante este tipo de abusos, observamos como a Xunta de Galiza mira para outro lado, ou na maior parte dos casos intentan vendernos fume, cunha publicidade enganosa a cerca dos logros da consellería do medio rural, sen tomar cartas no asunto ante a crúa realidade que vive o sector lácteo galego.

É hora de repercutir os aumentos do prezo ao consumidor nas explotacións leiteiras, do contrario soamente se benefician a industria e a distribución deste tipo de prácticas. E para iso é clave o papel das administracións, e non pór-se de perfil como se o tema non fora con elas. O sector lácteo galego ten futuro, e oxalá o presidente da Xunta defendera este sector coa mesma ansia que defende a plantación de eucaliptos no país.