Desde a FRUGA queremos denunciar que a Xunta anda a vender a Galiza rural por anacos.

Agora ven de crear uma “inmobiliaria” para vender casas e aldeas abandonadas.

 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021. Recentemente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Angeles Vázquez, ven de realizar uma visita ao concello de Sober, ocasión que aproveitou para anunciar o lanzamento de unha plataforma dixital como instrumento para pór a venda ou en aluguer inmóbeis situados en zonas rurais como, segundo dixo, xeito de combater o despoboamento e reactivar o rural abandonado, ferramenta que fai parte da lei galega de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana.

Parece ser que con este mesmo obxectivo a señora conselleira asinou un protocolo de colaboración co presidente da Federación Galega de Municipio e Provincias (FEGAMP), e os presidentes do Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza e do Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, por iso desde a FRUGA interpretamos que agora a Xunta da Galiza do Partido Popular, presidida polo señor Feixoo, quere exercer de axencia inmobiliaria.

Esta proposta temos de encadra-la dentro da estratexia neoliberal do PP, xunto coa lei de recuperación da terra agraria, a primeira revisión do plan forestal da Galiza e a lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica da Galiza. Todas elas teñen como obxectivo vender o rural galego por anacos, e deste xeito facilitar o acceso á maior parte deste territorio a sectores do capital especulativo.

De reparar na lei de recuperación da terra agraria ben pronto nos decatamos de que o verdadeiro obxectivo non é facer-lle fronte ao déficit de Superficie Agraria Útil (SAU) da maioría das explotacións agropecuarias. Realmente o que se persegue é favorecer a plantación das terras agrarias ao rebaixar o concepto de leira infrautilizada, así deste xeito se unha leira con especies arbóreas se encontrar no medio de unha zona agraria non tería tal condición, e por outro facilitar que sobre as fincas declaradas en estado de abandono se podan implantar calquera tipo de proxectos, en prexuízo das maiorías sociais, sem que estes se teñan de enfrontar com a actual fragmentación da propiedade.

E que dicir da primeira revisión do plano forestal e da lei de simplificación administrativa. Así, no primeiro caso, mediante unha operación de pincha carneiro, ligando esta coa lei de recuperación da terra agraria, asistimos a un proceso de eucaliptización masiva, coa escusa cínica e aparencial, de unha presunta moratoria na plantación do eucalipto, que no fondo se converteu nun efecto chamada. No segundo caso o que se pretende, por parte do goberno de Feixoo, é encher os montes galegos de macro-proxectos eólicos en beneficio das empresas enerxéticas radicadas en Madrid, e seguir sendo subministradores de enerxía barata, entanto na Galiza seguimos a sofrer as consecuencias socioeconómicas e ambientas e sen poder desfrutar dunha tarifa eléctrica galega para a maioría da cidadanía galega e os nosos sectores produtivo, como é no noso caso o agropecuario.

Para a FRUGA o futuro do rural galego pasa por potenciar as súas capacidades e posibilidades acompañado do peche dos ciclos produtivos, coa creación das correspondentes industrias de transformación, e non pola súa venda por anacos en beneficio dos sectores especuladores, como pretende facer este goberno galego dirixido por Alberte Nuñez Feixoo.