Barro, 5 de xullo de 2021. A Asociación Galega de Viticultura – AGV celebrou o pasado sábado a súa Asemblea Xeral e o lugar escollido para esta celebración anual foi Ribadavia, na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro.
No acto, no que estiveron presentes representantes de todos os territorios vitícolas do país, analizouse a situación do sector tanto no seu conxunto como de cada zona vitivinícola galega de forma pormenorizada.
A actual situación do sector está claramente marcada pola crise saniataria provocada pola pandemia da COVID-19, cos descensos das vendas tanto no mercado interno como no exterior. Con todo, a Asemblea centrou o debate nos pasos que se deben dar a curto prazo, posto que serán cruciais para a recuperación do sector e para sentar as bases do futuro do viño galego.
A captación de fondos Next Generation enténdese como unha oportunidade fundamental para pór en marcha proxectos e iniciativas transformadoras que lle dean un pulo a nivel tecnolóxico e formativo ao sector.
Na apertura da sesión estivo presente Manuel Casares, presidente da DO Ribeiro, quen lle agradeceu á AGV que tivera escollido o Ribeiro para este acto e aproveitou para solicitar que se tivera presente que o Ribeiro, a Denominación de Orixe con máis tradición, está pasando uns momentos moi difíciles e que neste momento estase xogando o seu futuro.
Roberto Rivas, Presidente da AGV, pechou o acto cun discurso no que recalcou a idea de seguir exixindo á Consellería do Medio Rural que traballe polos intereses de todo o sector tendo presentes todos os territorios vitícolas e todos os axentes involucrados na produción e elaboración, e que deixe de facer políticas para a galería e para as grandes multinacionais.
O Presidente tamén recalcou a importancia que terá unha boa e acertada xestión dos fondos Next Generation para o futuro do sector e sinalou que “o futuro do viño galego ten que pasar necesariemente por conseguir ligalo aos conceptos de calidade e de tradición”.