FRUGA denuncia a responsabilidade da gran distribución na fixación do prezo do leite ao sector productor

A formación do prezo final deberá vir determinado polo “custe efectivo de produción” e non polo prezo de venda ao público, que en cada momento mellor lle conveña á distribución.

 

Lugo, 28 de xullo de 2021. Actualmente o sector lácteo galego está a vivir unha situación de enormes dificultades. A suba dos concentrados, da tarifa eléctrica e dos carburantes, están a contribuír directamente a un aumento importante dos custos de produción, que segundo estudos elaborados, ultimamente, polo o Ministerio de Agricultura, son moi superiores aos prezos que percibimos as explotacións polo leite que vendemos.

A distribución ten unha enorme responsabilidade no que a fixación de prezos respecta. Os prezos excesivamente baixos aos que se venden as marcas brancas están servindo de escusa ás industrias transformadora para pagar baixos prezos no campo, obrigando os gandeiros e gandeiras galegas a vender a unhas cuantías ruinosas na maioría dos casos.

Para a FRUGA a concentración da distribución alimentaría está a ter grandes consecuencias á hora de determinar o prezo ao que se nos paga o leite aos produtores e produtoras. É de destacar o caso de Mercadona, que nestes momentos concentra o 25% da cota de distribución alimentaria total, e supón entre un 30 e 35% do leite liquido que se vende a nivel estatal. Con estas cotas de mercado esta cadea ten unha enorme responsabilidade na fixación dos prezos do leite.

Levase falado moito da lei da cadea alimentar, de non vender por baixo dos custes de produción, pero a realidade é que todo isto ficou en papel mollado. As grandes cadeas de distribución non están a respectar o que indica a lei da cadea alimentar á hora da formación do prezo, xa que propia lei di que “co fin de evitar a destrución do valor na cadea alimentar, cada operador da mesma deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custe efectivo de produción”. En consecuencia a formación do prezo final deberá vir determinado polo “custe efectivo de produción” e non polo prezo de venda ao público, que en cada momento mellor lle conveña á distribución. Ao actuar deste xeito podemos entender que se está a cometer unha fraude de lei.

Por outra parte as organizacións de produtores lácteos non están a servir para o que realmente foron creadas, que era negociar un prezo do leite xusto para as explotacións leiteiras.

No ano 2015, asinaba-se o acordo para a estabilidade da cadea de valor do sector lácteo, recibindo o apoio das principais organizacións sindicais do estado español, sen que servira para cumprir os seus obxectivos marcados. Seis anos despois seguimos igual.

Desde Fruga demandamos a actuación inmediata das administracións competentes procedendo a frear as prácticas abusivas da distribución por estar a pór en perigo o futuro de boa parte das ganderías de leite galegas. En concreto, o Ministerio de Agricultura ten de actuar obrigando ao cumprimento estrito da Lei da Cadea Alimentar, e á Consellería do Medio Rural reclamamos-lle o restablecemento de mecanismos de interlocución, como xa os houbo en tempos, que sirvan para fixar uns prezos dignos para o leite galego, que por desgraza sigue a ser o mais baixo de todo o estado, e desde logo moi inferior os custes de produción, segundo estudos dos propios organismos oficiais.