O anuncio de suba do prezo do leite ten de repercutir nas explotacións, do contrario suporía unha fraude para os e as consumidoras e un roubo para o sector.

Desde a FRUGA anunciamos que seguiremos a nos mobilizar por un prezo xusto para o noso leite.

Lugo, 26 agosto 2021. Nos últimos días FRUGA convocou mobilizacións diante da distribución, co fin de premer ás grandes áreas comerciais, para deixar de utilizar o leite como produto reclamo, e ao mesmo tempo conseguir uns prezos dignos que repercutan directamente nas ganderías galegas. As mobilizacións celebraron-se noutros puntos do Estado convocadas por organizacións como a Unió de Pagesos, Unión de Uniones, UCCl(Castela-León)…. todas co mesmo obxectivo, conseguir prezos xustos para as ganderías de leite.

Desde a FRUGA consideramos que esta suba resultado das nosas mobilizacións ten que repercutir de forma directa nas explotacións e conseguir un prezo que cubra os custos de produción, cumprindo así cos postulados da lei da cadea alimentaria, que non permite vender o leite a perdas. Actualmente e segundo os estudos recentemente publicados polo propio ministerio de Agricultura, está-se a vender o leite a perdas.

Tendo en conta ademais que as industrias aínda non dixeron nada destes pequenos incrementos dos prezos, salvo algunha excepción. Neste sentido é de destacar o papel que xoga LACTALIS, á hora de fixar os prezos aos que se paga o leite na nosa terra, ao ser a principal industria que opera na Galiza. Todo o mundo sabe que aquí, na Galiza, é onde se paga o prezo mais baixo polo leite de todo o Estado español, e esta circunstancia ten muito a ver con papel desta industria de orixe francés que está a pagar uns prezos mais baixos que na Francia, e con elo arrastra ao resto das industrias. Non podemos permitir, que esta industria fixe o prezo do leite na Galiza, e impida unha suba necesaria para os gandeiros e gandeiras galegas.

No 2015, as organizacións agrarias estatais asignaban un acordo para a sostibilidade e estabilidade da cadea de valor do sector de vacún de leite. A dia de hoxe ese acordo nunca se cumpriu, o cal demostra o seu fracaso. As administracións, concretamente a Xunta de Galiza encargouse de suprimir todo órgano interprofesional que actuaba neste sector, como podía ser a Mesa do Leite, ou cambiar as funcións do observatorio de prezos lácteos, neste momento é clave volver a recuperar estes organismos, do contrario os acordos neste sector son practicamente nulos.

Nestas condicións as administracións, teñen que velar por conseguir que esta suba que están a anunciar as grandes áreas, que para FRUGA segue a ser insuficiente, se traslade directamente as explotacións lácteas galegas, do contrario soamente se estaría a incrementar os beneficios da distribución ou ben da industria, o que suporía unha fraude para os e as consumidoras e un roubo para o sector produtor.

Desde a FRUGA volveremos a mobilizarnos senón hai avances nos próximos días, e voltaremos a saír a rúa sempre e cando faga falta, co único fin de conseguir os obxectivos dun sector que está a sufrir un importante aumento dos custos de produción, en contraste cun mantemento dos prezos percibidos polas ganderías galegas