A FRUGA chama a participar nas concentracións convocadas pola CIG para o día 19 contra a estafa da luz e por unha tarifa eléctrica galega.

As explotacións agropecuarias galegas vemos-nos directamente afectadas pola estafa das compañías eléctricas.

Lugo, 14 de setembro de 2021. Actualmente o aumento dos prezos da luz está a ter un importante impacto nas explotacións agro-gandeiras galegas. Esta suba ven acompañada, dun importante aumento tanto dos custes do gasóleo agrícola, como dos concentrados que se utilizan nas ganderías galegas ou os adubos. Tanto na produción de leite, como noutras producións de gandería sen terra(granxas avícolas, porcinas,…), os altos custes da electricidade, non permiten ter unha mínima rentabilidade, debido a que se está a producir por debaixo dos custes de produción.

No último ano os custes da electricidade, subiron perto do 200%, traducindo-se parte desta suba nos recibos que pagamos a final de mes. As producións agro-gandeiras galegas estamos a soportar todos estes aumentos nos custes dos insumos sen que pola contra podamos dispor da posibilidade de trasladar estes aos prezos dos produtos que vendemos. As institucións correspondentes miran para outro lado, non estando dispostas a actuar para intentar trabar este importante incremento dos prezos, como no o caso da enerxía eléctrica.

Ao longo da historia, a sociedade galega veu padecendo a instalación de múltiples encoros, como foran por exemplo o caso de Portomarín ou Castrelo de Miño anegando unha parte importante das terras de uso agrícola que había neses lugares. Ultimamente observamos como proliferan as instalacións de parques eólicos, convertendo-se noutra ameaza contra o rural galego, agresión amparada polo goberno Feixoo. Galiza xa é, nesta altura, un dos principais produtores de enerxía do Estado español, sen que a cidadanía galega obteña ningún tipo de beneficio a cambio dos prexuízos que isto ocasiona. Evidentemente as empresas veñen a Galiza a espoliar os nosos recursos, e nen tributan no país, nen os galegos e galegas conseguimos ter unha tarifa eléctrica propia, que podería redundar en beneficio das explotacións agro-gandeiras galegas.

Con toda esta situación a Federación Rural Galega – FRUGA vai participar activamente nas mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega-CIG o vindeiro dia 19 de setembro e que se van a celebrar en diversos puntos da Galiza. Igualmente animamos a todos os labregos e labregas galegas, a acudir a esta convocatoria, co fin de conseguir trabar o roubo que estamos a padecer coa esta estafa da luz, e por unha tarifa eléctrica galega.