O programa formativo, impulsado pola AGACAL, ten por obxectivo ofrecer ás persoas comuneiras de distintas CMVMC de Galiza unha formación, e coñecementos básicos, do amplo abano de posibilidades e recursos que poden ter no seu monte.
O programa formativo “Alternativas para un aproveitamento integral do monte” desenvolverase ao longo das tardes dos venres e nas mañás dos sábados, entre o 24 de setembro e o 13 de novembro, cun total de 54 horas lectivas. As distintas sesións terán lugar nos locais socias de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de distintos concellos das provincias de A Coruña, Ourense e Pontevedra.
Ao longo das distintas xornadas as persoas comuneiras asistentes obterán unha formación e coñecementos básicos do amplo abano de posibilidades e recursos que poden ter no seu monte para obter un aproveitamento integral e óptimo dende a perspectiva da súa multifuncionalidade: produtor de recursos forestais e agrogandeiros, xerador de emprego e riqueza para as persoas comuneiras, e lexítimas propietarias dos seus recursos, pero tamén para o conxunto da sociedade a traveso de retornos menos cuantificables economicamente como son: ser sumidoiros de CO2, reservas naturais, xeradores de zonas recreativas, de ocio, de educación ambiental, etc.
As dúas primeiras sesións terán lugar no Multiusos de Sabarís (A Ramallosa, Baiona-Pontevedra) os días 24 e 25 de setembro, e nelas trataranse os seguintes temas: “Servizos ecosistémicos dos MVMC. Os montes como sumidoiros de CO2” e “As comunidades de montes veciñais en man común versus comunidades enerxéticas locais”.
As persoas interesadas poden obter máis información destas actividades por medio dos seguintes contactos: teléfonos 610592141 / 886203360, correo electrónico xcambon@outlook.es, ou ben poden poñerse en contacto coa unidade organizadora a traveso do correo transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal