FRUGA propón que se favoreza ás explotacións agrarias familiares, as producións respectuosas co medio ambiente e un rural galego vivo.
Sarria, 28 de setembro de 2021. A Federación Rural Galega – FRUGA, está en contra da nova orde de ordenación das explotacións de vacún que prepara Ministerio de Agricultura de España. Fala, entre outras cousas, de distancias mínimas entre explotacións de 500 metros, e ao mesmo tempo de limitación no numero de animais por explotación, 720 vacas en muxido, ou 850 unidades de gando maior (UGM).
Por outra parte tamén o Ministerio presentou unha proposta de axuda para o sector lácteo ligada á nova PAC. Propón unha axuda por cada vaca adulta, maior de 24 meses, de acordo cos seguintes estratos; así as primeiras 150 vacas cobrarían a totalidade do apoio, de 151 a 725 vacas cobrarían o 50% do importe, e a partir de 725 o importe sería de 0 euros.
Os argumentos que emprega o Ministerio basean-se en que o sector lácteo é un sector con baixa rentabilidade, escasos marxes e moi sensíbel ás variacións dos prezos. Por outra parte recoñece que as granxa que teñen maior risco de desaparecer son as de tamaño medio, identificadas co carácter familiar.
Ao mesmo tempo e no contexto da nova PAC está-se a falar dos chamados Eco-esquemas, en concreto para o sector de vacún establece dúas prácticas para poder cobrar esta axuda, unha consiste na práctica do pastoreo e outra de mellora da biodiversidade.
Á vista destas propostas desde a FRUGA queremos deixar de manifesto o contraditorio das mesmas, xa que por un lado se opta por un modelo de produción encamiñado cara as macro-explotacións, que aínda que se establezan mínimos estes están moi lonxe da realidade galega, e por outro vemos que se fala de protexer as granxas de tamaño medio, ao tempo que se promoven sistemas extensivos como o pastoreo.
A dia de hoxe, os novos modelos de produción gandeiro deben ir ligados a terra, a sistemas produtivos sustentábeis, e que realmente garanten producións de calidade, cun abaratamento dos custes de produción. E cando falamos das distancias, as granxas familiares galegas conviviron o longo da historia, a menos de 100 metros unhas das outras, por iso gozamos aínda de perto do 55% das explotacións totais do estado, debido a importante concentración desta actividade nas aldeas galegas, evidentemente que a posta en marcha destas medidas vai dificultar moito a instalación de novas granxas.
Galiza conta, nestes momentos, con 6586 explotacións lácteas, das cales perto dunha decena sobrepasarían as 600 vacas en muxido, e mais do 90% teñen menos de 200 reses en muxido. O que dá unha idea clara das características do sector lácteo galego.
Por outra parte as producións en base a pastoreo, están adquirindo unha nova dimensión nos últimos tempos, como consecuencia de que varias empresas están pondo no mercado este tipo de leite. Estes sistemas de produción soamente se poden realizar en lugares onde as condicións físicas e climáticas sexan compatíbeis, con explotacións con dimensións adecuadas para poder sacar os animais a pacer. Estamos a falar dunhas producións adaptadas a Galiza, e que contribúen claramente a manter un medio rural vivo, cunha actividade sustentable, e cuns custos de produción moito mais baixos. Todo alimentado cunha importante demanda que teñen estes produtos no mercado.
Tendo de conta o anterior desde a FRUGA propomos a seguinte distribución das axudas para o vacún de leite, garantir o cobro na sua totalidade para as 150 primeiras vacas adultas, de 151 a 300 cobrarían o 50%, de 301 a 500 o 25% e a partir da 501 non lle correspondería cobrar nada.
FRUGA demanda que todo tipo de medidas que se tomen vaian encamiñadas a favorecer un novo modelo de produción, compatible co medio ambiente, que favoreza as explotacións familiares e a actividade no rural galego e ao mesmo tempo, que permitan encaran con novas garantías as futuras reformas da PAC, que están a volta da esquina.