O dia 12 de novembro unha delegación da Xunta Directiva da nosa organización mantivo, na sede nacional do BNG, unha reunión co deputado, deste grupo político, no Congreso de Deputados de España, Nestor Rego.
O motivo da mesma tiña como obxectivo facer unha revisión dos asuntos que se están a debater nas Cortes españolas e que afectan directamente aos sectores agropecuarios galegos e ao mundo rural en xeral.
Tendo en conta a situación de crise pola que están atravesando os sectores produtivos, nomeadamente tanto o lácteo como o vacún de carne, o primeiro asunto que foi obxecto de atención foi o relacionado co debate que se está a producir nas Cortes españolas, tanto no Congreso dos Deputados como no Senado. Neste sentido o deputado Nestor Rego fixo-nos saber que o proceso de debate no Congreso xa finalizara e que agora o debate estaba no Senado. En todo caso manifestou-nos que todas as emendas presentadas por el foran rexeitadas, destacando a que se refire á determinación dos custes de produción. Defendendo, pola sua parte, que a determinación dos custes de produción non poderá estar suxeita a que cada explotación teña que demostrar por si mesmas os seus custes, permitindo-se utilizar para a sua determinación, ademais das fontes do Ministerio de Agricultura como son o ECREA (Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias) ou o RENGRATI (Rede Nacional de Granxas Típicas), os estudos publicados polos diferentes observatorios das Comunidades Autónomas ou os realizados por Universidades.
Sendo este un punto, ao entender da FRUGA, esencial para tratar de paliar a situación de crise que vimos padecendo os sectores produtivos, porque unha vez determinado por organismos oficiais cales son os custes efectivos de produción, ficaría claro o importe mínimo ao que nos terían de pagar os nosos produtos e ese tera de ser o prezo mínimo que debera figura nos contratos, cousa que non está a pasar.
Nestor Rego comprometeu-se a trasladar de novo esta proposta, sempre e cando haxa posibilidade de que de novo se debata no Congreso en caso que no Senado xurda algunha proposta de modificación neste sentido.
Outro dos asuntos tratados foi o relacionado co Programa de Apoio ao Sector Vitivinícola de España (PASVE). Dos dados oficia coñecidos a partir do informe publicado polo Fondo Español de Garantía Agraria dos pagamentos feitos polo FEAGA e FEADER, para a última campaña da que temos datos, que vai de Outubro de 2019 a Outubro de 2020, comproba-se que Galiza soamente recebe o 1,12% do total dos fondos asinados a este programa de apio, que non se corresponde para nada co peso do sector vitícola galego a respecto do total do Estado español.
Coñecida esta situación por parte de Nestor Rego, este vai trasladar unha proposición ao Congreso dos Deputados español para que o PASVE se adapte ás condicións específicas da viticultura galega, e que en ningún caso a Galiza reciba menos fondos dos que lle correspondería en función do que representa a viticultura galega no conxunto do Estado español.
Tamén foi motivo de análise e contraste de opinións co fin de elevar propostas ao Parlamento español todo o relacionado coa nova Política Agraria Común, PAC 2023-2027. Nestor Rego fixo-nos entrega de distintas iniciativas que xa presentou en relación con este punto, tais como unha Proposición Non de Lei (PNL) sobre os criterios de reparto da nova PAC, outra sobre a superficie admisíbel nos pastos arbustivos, así como unha pregunta sobre a regulación dos novos ecoesquemas. Pola nosa parte ficamos en analizar a documentación entregada e no caso de que consideremos oportuno facer algunha proposta que non figure na documentación entregada.
E xa para finalizar a reunión tamén se comentou a situación na que se encontra a representatividade das organizacións agrarias condicionada pola aprobación da Lei 12/2014, que regula o procedemento para a determinación da representación das organizacións profesionais agrarias, e que desde que foi aprobada non foi desenvolta para a sua aplicación, o que está servindo de escusa á Consellería de Medio Rural para non convocar eleccións no campo galego.