O Monte Veciñal non se toca

Na última década consolidouse a práctica exercida polo goberno da Xunta da Galiza de modificar as leis que regulan a vida dos/as galegos/as mediante a inclusión na Lei de medidas administrativas e fiscais (lei de acompañamento dos orzamentos). Unha práctica que furta o debate e a consulta coas organización sociais e sectoriais do País e que incluso reduce a actividade parlamentar sobre as mesmas. Polo tanto unhas prácticas totalmente antidemocráticas.

Isto inflúe especialmente nas leis que afectar o agro e o medio rural, con exemplos tan claros como a Lei de montes ou a Lei de incendios, que sufriron modificacións practicamente todos os anos desde a súa promulgación.

Nesta ocasión o Partido Popular (PP) na lei de acompañamento, que se vai debater no Parlamento Galego os vindeiros días 23 e 24 de este mes, prantexa varias modificacións á Lei de Montes Veciñais en Man Común que supoñen un agravio importante sobre a figura do monte veciñal en man común e os dereitos da veciñanza comuneira.

Unha das modificacións prevé que aqueles montes veciñais en man común que se atopen en situación de pendencia por inexistencia, extinción da comunidade veciñal, os montes veciñais, pasen os concellos. Non como xestores cautelares, senón como titulares provisionais. Racha xa que logo o concepto de imprescritibilidade que teñen as terras comunitarias, concepto recollido en diversas lexislacións tanto estatais como galegas.

Outra das modificacións prevé que os montes veciñais en man común poden ser declarados en estado de grave abandono ou degradados por cuestión simplemente burocráticas como pode ser non enviar en tempo a listaxe da veciñanza comuneira. E unha vez declarado en estado de grave abandono ou degradado, a xestión dos mesmos será entregada a unha empresa forestal ou madeireira por un tempo de 50 anos. Durante estes 50 anos, a veciñanza comuneira non poderá recuperar a xestión das súas terras comunitarias.

As modificacións da lei de montes veciñais que presenta o Partido Popular na lei de acompañamento, prantexa abertamente a confiscación dos montes veciñais a favor dos concellos e a usurpación da súa xestión á veciñanza comuneira a favor das empresas forestais e madeireiras. Ante este atropelo cara o monte veciñal e contra os intereses da veciñanza comuneira, solicitamos a retirada das modificacións da lei de montes veciñais da lei de acompañamento.

Se fose preciso analizar estas cuestións, o que se propón é que se inicie o debate no seo do Consello Forestal de Galiza, consultando a todo o sector e escoitando as comunidades de montes e as súas organizacións para rematar nun debate normal no Parlamento Galego.

Co fin de parar esta agresión contra os montes veciñais en man común, convocouse unha concentración, para o dia mércores dia 24 de Novembro ás 11´30 horas, diante do Parlamento Galego. Nesta concentración anunciarase publicamente a promulgación de unha lei de montes veciñais mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).