A concepción deste proxecto nace a proposta da Concellaría do Desenvolvemento Local do Concello da Pobra do Caramiñal á Federación Rural Galega (FRUGA) como resposta ás necesidades específicas no eido de inserción laboral detectadas no ámbito municipal polo persoal técnico da amentada Concellaría, así como ante os desafíos multidimensionais e urxentes que impón a actual crise ecosocial global en eidos tan amplos e relevantes como a perda de oportunidades de emprego e condicións dignas de vida, as crecentes incertezas e vulnerabilidades sociais, a degradación ambiental, o crecente abandono das actividades agrarias e dos contextos rurais, a perda de soberanía alimentaria ou a vulneración sistemática do dereito fundamental a unha alimentación adecuada.
Ante este reto, dende a FRUGA deseñouse un proxecto de inserción sociolaboral colectiva baseada na produción e comercialización de cultivos vexetais baixo os criterios da agroecoloxía, o cooperativismo e a economía social. Dito proxecto, que comezará a desenvolverse neste ano entrante, está composto por tres partes complementarias: unha formación práctica en finca en torno á produción agroecolóxica de cultivos vexetais; un posterior acompañamento, supervisión e asesoramento na xestión dos cultivos en finca; e unha dinámica de intervención socioeducativa baseada na dinamización e asesoramento técnico para a inserción sociolaboral colectiva a través de modelos asociados ao cooperativismo e á economía social.
Neste sentido, dende unha perspectiva de intervención socioeducativa baseada na participación e no empoderamento colectivo, para o deseño e posta en práctica do proxecto configurouse un equipo transdisciplinar conformado ex proceso por: Gabriel López García, membro da FRUGA e labrego cunha dilatada traxectoria na produción agroecolóxica e no desenvolvemento de prácticas autoxestionadas de comercialización; Kylyan Marc Bisquert i Pérez, educador social e doutor en educación especializado en procesos participativos, iniciativas socioeconómicas e movementos sociais asociados á agroecoloxía; Sergio Sánchez Taboada, activista en distintos ámbitos de consumo e produción agroecolóxica, así como unha das tres persoas que en Galicia contan co innovador post-grao da Universitat Autónoma de Barcelona en Dinamización Social Agroecolóxica; e Valle Marcos García-Conde, educadora social con experiencia na intervención socioeducativa con distintos colectivos e no ámbito da inserción sociolaboral.
Como antesala do inicio deste proxecto, presentamos hoxe aquí as xornadas formativas tituladas «Agroecoloxía: autoemprego colectivo para unha vida digna e sustentable», que se celebrarán os vindeiros días 17 e 18 de decembro aquí mesmo na Pobra, e que se ben estarán en grande medida orientadas ás persoas potencialmente interesadas en participar no devandito proxecto, terán un carácter aberto a toda a
cidadanía que se queira achegar a coñecer de primeira man esta proposta de innovación socioeducativa.
De xeito máis detallado, estas xornadas formativas desenvolveranse tras unha xuntanza de traballo entre o equipo conformado en torno ao proxecto aquí presentado co persoal técnico da área de desenvolvemento local e dos servizos sociais municipais que terá lugar o venres 17 pola maña, artellándose na parte aberta ao público en torno ao seguinte programa: a presentación das xornadas e unha primeira toma de contacto entre as persoas participantes a través dunha sesión dinamizada para coñecer e compartir puntos de vista, experiencias e expectativas en torno ao tema das xornadas, que se desenvolverá o mesmo venres 17 en horario de tarde; unha visita interpretativa de aproximación á leira e ao deseño dos cultivos vexetais de base agroecolóxica que terá lugar o sábado 18 en horario de mañá; e unha última sesión arredor das canles curtas de comercialización, o emprendemento colectivo e a economía social, culminada cunha presentación máis detallada do proxecto a desenvolver no ano 2022.
Así pois, nestas xornadas formativas non só realizaremos unha primeira aproximación ás potencialidades da produción agroecolóxica, do emprendemento colectivo e da comercialización a través circuítos curtos para a inserción sociolaboral e o desenvolvemento laboral e de proxectos de vida enraizados no territorio, senón tamén das potencialidades de integración que poden albergar este tipo proxectos para o tecido económico local a través da súa eventual articulación co pequeno comercio ou a restauración, ofrecendo a estes axentes económicos alimentos producidos localmente e cun valor social diferenciado, de xeito que non só supoña un impacto positivo directo para as persoas destinatarias do proxecto, senón que tamén poda incidir significativamente na cohesión social e a dinamización socioeconómica do conxunto do municipio.
O programa de detallado cos horarios e espazos nos que se desenvolverán as xornadas formativas, así como o formulario para a inscrición gratuíta, estará dispoñibles en breve na páxina web do Concello.