O sector de vacún de carne sinte-se maltratado tras quedar excluído da nova liña de axudas anunciada no dia de onte por parte do Ministerio de Agricultura.
Actualmente mais de 9000 familias viven da produción de carne en Galiza, producindo unha carne de calidade baixo a denominación de orixe “Ternera Gallega” na súa categoría de Suprema. Este sector viuse afectado nos últimos tempos polo importante incremento dos custos de produción (gasoleo, insumos, electricidade,…), sin que este aumento se traducira nos prezos a percibir polos xatos vendidos á industria.
A produción de carne de calidade é de suma importancia, tendo en conta que en moitos concellos do país é a principal actividade económica, as veces a única, e desde logo está a contribuír de forma decisiva ao mantemento dun medio rural vivo e activo. A importancia social e medio ambiental deste sector é clave para travar a continúa desertización que sofren as aldeas galegas. Igualmente estas gandarías están a producir unha carne de calidade, baixo a categoría de suprema, que é quen realmente lle dá prestixio a Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega”.
Desde a FRUGA demandamos que se poña de forma urxente unha liña de axudas que sirva para paliar as perdas que está a sufrir o vacún de carne en Galiza. Este sector necesita liñas de axuda, o igual que outros. E desde logo semella un maltrato que por parte das administracións competentes se anunciasen axudas a varios sectores no día de onte, sen que a apareza por ningún lado a produción de carne de vacún. A día de hoxe aínda non se recibiu ningún tipo de subvención polas perdas que vimos arrastrando nos últimos meses.