FRUGA reclama prezos xustos para as explotacións de bovino da Galiza e non endebedar-se mais como pretende a Xunta.

A Consellería de Medio Rural ofrece como saída á crise que padecemos que acudamos a prestamos en vez de pagar a subvención que prometeu.

Lugo, 11 de xullo de 2022. O Diario Oficial de Galiza (DOG) ben de publicar a semana pasada a Orde da Consellería do Medio Rural que regula o procedemento para o recoñecemento do dereito a préstamos de financiamento do capital circulante en explotacións de gando bovino garantido polo instrumento financeiro de xestión centralizada no Programa de Desenvolvemento Rural de Galiza 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europa Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e con subsidiación dos tipos de xuro

Estes préstamos poderán ser destinados a facer fronte a gastos correntes como o pagamento de nóminas, Seguranza Social, prestacións de servizos, ou pagamento a acreedores, por exemplo.As explotacións lácteas e cárnicas galegas, xa se caracterizan por presentar un elevado endebedamento, como consecuencia das importantes inversións realizadas nos últimos anos, e ao mesmo tempo por percibir uns prezos que non cobren para nada os custes de produción.

Perante desta situación, en datas pasadas, o propio conselleiro de Medio Rural anunciaba que se subvencionarían os xuros dos prestamos que necesitaran as ganderías galegas, como consecuencia da problemática derivada da guerra de Ucrania.

Desde a FRUGA consideramos que o que precisamos é axilidade na tramitación de axudas directas. A día de hoxe os produtores de bovino de carne aínda non percibimos a axuda que a Consellería de Medio Rural prometeu para este sector co fin de tentar paliar as perdas derivadas do importante aumento dos custos de produción. Igualmente pensamos que os gandeiros e gandeiras galegas, non precisamos de mais endebedamento, por moi subvencionados que estean. Os créditos sempre os hai que devolver.

Noutro orde de cousas a propia xunta de Galiza, ten que preocuparse de que se cumpra a lei da Cadea alimentar, que para eso dispón de estudos reais do que costa producir un litro de leite e un Kg de carne. A dia de hoxe boa parte dos contratos non cumpren as directivas lexislativas que prohiben vender a perdas, e fronte a esa inxustiza dende a Administración non se está a actuar, cando xa fai tempo que o propio conselleiro ten os datos de custes sobre a mesa.

Dende FRUGA consideramos que xa vai sendo hora de aplicar a lexislación existente, e se cubrimos os nosos custes de produción, xa sería un importante logro no camiño de amortizar boa parte das nosas débedas, pero para elo precisase dunha actuación política decida por parte do consellería, e non uns simples actos de propaganda co fin de saír nas portadas. As ganderías galegas non vivimos da propaganda, precisamos actuacións xa.