Fracaso absoluto da política agraria e de montes do goberno galego do PP

A falta de medios técnicos e humanos veu agravar aínda mais esta deriva desastrosa para o rural galego.

Cenlle, 22 de xullo de 2022. Neste mes de xullo, na Galiza, estamos asistindo a un fracaso anunciado das políticas agrarias e de monte levadas a cabo por parte do Partido Popular ao fronte do goberno galego desde o ano 2009.

Causas múltiples e diversas están na orixe dos incendios que se producen nos montes galegos, e cada ano que pasa novos factores como o do cambio climático teñen de ser tidos en conta, mas o que todo o mundo está de acordo é que o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido están entre as causas que mais inflúen nas vagas de incendios que ano após ano arrasan o noso País, Galiza.

Un ano mais, e xa van moitos, estamos sendo testemuñas de como o lume se propaga por numerosas comarcas do noso rural, mas co agravante de que cada vez a extensión de territorio que se ve afectada por esta praga é cada vez maior, se as condicións climáticas son desfavorábeis. Non pasa así en anos con condicións climáticas mais benignas.

A política posta en práctica por os gobernos do PP viñeron agravar aínda mais a situación ao propiciar o abandono do rural ao non pór os medios necesarios para garantir unha vida digna de quen vive no rural epara facer da actividade agropecuaria unha profesión de e con futuro, e ao mesmo tempo optar pola plantación masiva de especies pirófitas para beneficiar empresas que gozan da súa protección e promoción.

Así coa volta do PP ao goberno galego eliminaran-se as Unidades de Xestión Forestal, instrumento que pretendía aportar unha maior rentabilidade das actividades realizadas no monte, así como a sua ordenación; favoreceu-se a plantación de grandes extensións sen a obriga da existencia de leiras con outros cultivos para favorece a descontinuidade, en definitiva o desorden; mesmo introduciran, no ano 2012, modificacións na Lei de Incendios de 2007, mediante as que se reduciron as distancias mínimas das franxas de xestión de 50 a 30 metros, que nen tan se queira se están a cumprir.

A maiores neste ano, especialmente caloroso, hai que lle acrecentar a falla de planificación organizativa por parte da Xunta, que se manifesta na falta de medios técnicos e humanos, xa que nestes precisos momentos a metade das brigadas helitransportadas aínda se encontran facendo os cursos preparatorios, ou que unha boa parte das brigadas municipais están sen contratar.

Por desgraza non é a primeira vez que desde a FRUGA nos vemos obrigados a facer valoracións parecidas a estas. Por tod isto desde a Federación Rural Galega – FRUGA instamos á Xunta de Galiza a que:

  • se dote de un servizo público capacitado para actuar na prevención e loita contra incendios ocasionados nos montes galego,
  • asegurar a viabilidade e continuidade das explotacións agropecuarias afectadas por estes lumes,
  • indemnizacións e axudas inmediatas para todas as persoas afectadas,
  • vixiar para que non se produzan operacións especulativas e de acaparamento de terras nas zonas afectadas polos incendios,
  • asuma as súas responsabilidades políticas, comenzando polo señor Presidente e o resto da súa equipa de goberno.

Por último desde a FRUGA seguimos a reivindicar un rural galego vivo e con futuro.