Os gobernos teñen a obriga de non estigmatizar a pobreza aplicando medidas re-distributivas.
Cenlle, 15 de setembro de 2022. A taxa de inflación no Estado español situase por cima dos dous díxitos, estando na Galiza medio punto por riba da media española. É dicir na Galiza somos aínda mais pobres que no resto do Estado, ao que lle hai que acrecentar que temos as segundas pensións mais baixas e os salarios tamén dos mais baixos.
Por outra parte os prezos percibidos polo sector produtor galego, sobre todo os que mais peso teñen na produción final agraria da Galiza, leite e carne son dos mais baixos do Estado español, así o leite galego leva moitos anos sendo o peor pagado de todo o Estado, e na Galiza o prezo da carne de bovino está practicamente ao mesmo prezo que fai mais de 30 anos (800 peseta/quilo canal nos anos 80 do século pasado e 4,8 – 5 € na actualidade).
Os medios de comunicación día após día fan-se eco da suba da carestía da vida, e en concreto dos prezos finais dos produtos alimentares, ben sexa do leite, dos ovos ou das hortalizas. Así segundo o instituto español de estatística (INE) mais de 500.000 persoas na Galiza terían dificultades para chegar a fin de mes, con o que mais de medio millón de galegas e galegos están en risco de pobreza.
Por tanto é evidente que os gobernos, tanto galego como español, teñen a obriga de habilitar medidas para lle facer fronte a esta situación inasumíbel e garantir unha alimentación básica e equilibrada ao conxunto da poboación e sobre todo á mais vulnerábel.
Mas estas medidas non poden ser feitas a costa do sector produtor, para o que fai falta que os gobernos obriguen ao cumprimentos das leis que publican, como é a lei da cadea alimentar, que especifica que o prezo pagado ao sector produtor ten de cubrir, cando menos, os custes de produción, algo que a día de hoxe non se está a cumprir. E por outra parte o pretendido control dos custes de produción non pode ser feito entregando o seu control ás grandes cadeas alimentares desprezando outras canles de distribución como poden ser os circuítos curtos de distribución.
Desde a FRUGA consideramos que os gobernos dispoñen de suficientes instrumentos para corrixir os desequilibrios especulativos que se producen entre os prezos en orixe e os prezos finais con que chegan ao consumidor e consumidora mediante unha intervención dos mercados, porque non é de recibo que se cheguen a producir diferencias de mais do 300% algúns produtos, e que non fagan cumprir as súas propias lei, como a da cadea alimentar.