A Xunta da Galiza prexudica ao sector ecolóxico galego, e aposta pola agricultura intensiva.

O 85 por cento das solicitudes para a Conversión á Agricultura Ecolóxica foron denegada, así como o 83 por cento das explotacións que solicitaron a axuda para a Conversión á Gandería Ecolóxica

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023. A Consellería do Medio Rural a través do Fondo Galego de Galego de Garantía Agraria (FOGGA) vem de comunicar as axudas concedidas e denegadas ás explotacións de ecolóxico, ao abeiro do último ano da PAC do período 2015 – 2022.

O menosprezo que mostra a administración galega co sector ecolóxico é de consideración. Os números falan por si sós. Así o 85% das explotacións que presentaran solicitude de axuda para a conversión desde a agricultura convencional para pasar a agricultura ecolóxica recibiron unha resposta negativa, o mesmo lle pasou ao 83% das explotacións de gado que solicitaran axuda para a súa conversión en ganderías ecolóxicas.

Mas o grave do asunto non fica soamente naquelas explotacións que se encontran no proceso de conversión, senón que tamén resultan damnificadas as explotacións que xa viñan practicando unha agricultura e gandería ecolóxica. Desta arte resulta que case o 62% das explotacións de agricultura ecolóxica que solicitaron a axuda de mantemento recibiron resposta negativa, outro tanto lle pasou ao 39% das explotacións de gandería ecolóxica.

E porque se dá esta situación? Pois simplemente porque a Consellería do Medio Rural se negou en redondo a ampliar o orzamento destinado a esta liña de axudas. Inicialmente estaban previstos 3,18 millóns de euros, mas como resultado das campañas de promoción da agricultura ecolóxica feitas desde a Consellería, no ano 2022 as solicitudes aumentaran considerabelmente. A propia Consellería estimaba que unhas 12.000 hectáreas mais se incorporarían o ano 2022. Ela mesma consideraba que se necesitarían uns 5,6 millóns de euros. É dicir que se tería de acrecentar o orzamento en aproximadamente 2 millóns, ao que se negou a Xunta de Galiza pese a que tanto o Consello Regulador, as organizacións agraria e as forzas políticas da oposición presentes no Parlamento Galego llo solicitaran reiteradamente.

O que ven a demostrar a Consellería do Medio Rural, con esta decisión, e con ela a Xunta de Galiza do PP é a verdadeira filosofía que rexe a política agraria do Partido Popular. Aposta decidida pola agricultura intensiva e en contra da agricultura extensiva, mesmo indo en contra das liñas marcadas pola Unión Europea e a propia PAC que teñen como obxectivo de que cando menos, no horizonte de 2030, o 25% da superficie agraria sexa de agricultura ecolóxica.

Parten de considerar Galiza como país atrasado ao que hai que a modernizar e para eso sobran explotacións. O seu modelo son poucas, grandes e intensivas. Xa o dixo hai poucos días o Director Xeral, que eles “defenden as explotacións profesionais” e que as “explotacións de menos de 10 vacas de carne consideramos que non son profesionais”. Se o territorio se despoboa e inzan os incendios, non importa, o importante é implantar o seu modelo de agricultura intensiva e contaminante.

Como dixo unha persoa que asistiu á reunión que mantivo o Director Xeral en Friol con profesionais do sector agropecuario: Europa e o resto de comunidades van nun sentido e semella que Galiza vai en sentido contrario. Muden o rumo, que diz a canción.