Asistiron ás Xornadas “Temos Alternativa” máis de 350 persoas decididas a traballar colectivamente na creación dun novo modelo enerxético, no que prime o interese público, a sustentabilidade ambiental e a xustiza social.
Galiza, a 7 de febreiro de 2023.- As Xornadas “Temos Alternativa”, organizadas pola Coordinadora Eólica Así Non, en Pontevedra a pasada fin de semana obtive. Entre o sábado e o domingo, máis de 350 persoas pasaron polo auditorio do Pazo da Cultura atraídas polo interese social que suscita a proposta de cronstruír colectivamente un modelo enerxético alternativo e radicalmente distinto ao imposto polo oligopolio macro-eléctrico, co apoio dos gobernos galego e estatal. O actual modelo de implantación de enerxías renovábeis carece dun desenvolvemento ordenado, racional ou planificado, e non obedece ás necesidades do país. A actual invasión eólica reforza a concentración do poder da produción e da distribución de electricidade en mans de multinacionais foráneas da enerxía que se lucran á custa de espoliar o territorio e asoballar o pobo galego. A nova vaga eólica que se leva artellando nos últimos dous anos e medio consolida o papel de Galiza como colonia enerxética do Estado e de Europa, poñéndoa ao servizo das grandes elites económicas, e expulsando aos galegos e galegas de calquera decisión que teña a ver co aproveitamento dos seus recursos.
Ante esta nova situación de agravio contra o pobo galego, o foro de discusión organizado pola Coordinadora Eólica Así Non obtivo unha acollida moi positiva por parte da sociedade galega, especialmente, por aqueles sectores organizados no ámbito do ecoloxismo, o sindicalismo, os montes veciñais, as plataformas veciñais de afectados, etc., que compartiron diferentes perspectivas e ofreceron unha variedade de enfoques que enriqueceron o debate e que deron conta da complexidade de procurar unha solución alternativa, mais tamén de que a solución debe vir dada polo conxunto da sociedade. Por primeira vez, o pobo galego pode ser o que planifique e decida sobre o aproveitamento dos seus recursos, e estas xornadas constitúen unha oportunidade única para iniciar ese camiño.
Todas as palestras das xornadas foron gravadas para a súa posterior difusión nos vindeiros días a través das canles dixitais da Coordinadora Eólica Así Non, a cal analizará agora toda a información adquirida para tirar conclusións que permitan avanzar no camiño cara a un novo modelo enerxético para o país.
Galiza, excedentaria en electricidade, pero dependente en combustíbeis fósiles
O encontro desenvolveuse en 4 sesións, de mañá e tarde, 8 mesas redondas e 29 relatores e relatoras. A primeira sesión o debate centrouse na situación enerxética de Galiza e o papel das enerxías renovábeis na nosa historia pasada e actual. Os poñentes da mesa coincidiron en resaltar a importancia de Galiza como xeradora e transformadora de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis, sobre todo, hidroeléctrica e eólica, así como a súa capacidade exportadora (⅓ do total). Pero, ao tempo, advertiron sobre a forte dependencia do país das enerxías fósiles, especialmente de combustíbeis líquidos, como o petróleo, para o transporte. O profesor de Economía aplicada na USC, Xoán Doldán, considera chave mudar o actual sistema de mobilidade e focar o discurso do vehículo eléctrico cara ao transporte colectivo e o ferrocarril. Outro factor clave, desde a súa perspectiva, é incidir no aforro enerxético, mesmo por riba da eficiencia enerxética, especialmente nos ámbitos de maior consumo.
Vanesa Álvarez de Amigos da Terra advertiu que unha transición ecolóxica real implica cambiar cara a un modelo ecosocial feminista da enerxía, e non pode basearse na mera mudanza tecnolóxica, na que nin se atende aos límites do planeta, nin ao dereito dunha vida digna das persoas.
Pola súa banda, o coordinador da Mesa de Enerxía da CIG, Fernando Branco, salientou a falta de retorno social e económico do actual modelo enerxético no país e a necesidade da creación dunha empresa pública galega de enerxía, como acaba de facer Cataluña. “Mentres que en Euskadi hai 150 empresas que producen compoñentes eólicos,en Galiza despareceu toda a industria asociada á fabricación deste tipo de infraestruturas”, malia a ser o territorio no que hai máis implantadas. En relación ás industrias electrointensivas “como pobo teremos que pensar que país queremos, e a que destinar a enerxía que producimos, pero tamén debemos solventar os problemas que agora mesmo temos”, dixo Branco.
Recuperar a xestión pública do recurso enerxético e blindar os sectores primarios
Quico da Silva, tamén membro do Colectivo Bidán, propuxo que os 166 MW de potencia hidroeléctrica próxima a caducar en Galiza retorne ao poder público e que os concellos tomen a iniciativa á hora de ofrecer alternativa, identificando o seu recurso renovábel, para tomar decisións de interese público na súa implantación. Calcula que o potencial xerador de enerxía renovábel dos concellos galegos podería acadar os 2000 MW.
Na mesa redonda dedicada a analizar a situación das centrais macro-hidroeléctricas de Galiza e da eólica mariña, Torcuato Teixeira, voceiro da Plataforma da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, expuxo o que suporía para a pesca galega a ocupación da eólica mariña. O impacto sería significativo para a maior parte das artes de pesca sobre unha plataforma continental que denomina “santuario ecolóxico”. A diferenza doutros países, a pesca en Galiza supón o 1,8% o PIB galego e o 2,9% do emprego, sendo a oitava potencia pesqueira de toda Europa. “A alternativa ao actual modelo vai ser calquera cousa diferente á que pretenden facer, xa que tal e como se presenta, a eólica mariña é incompatíbel coa pesca galega e ademais estaríamos perdendo soberanía alimentaria”, apuntou Teixeira.
A catedrática en dereito administrativo da UdC, Marta García tamén alertou das eivas de ordenamento e uso e planificación, moi significativas no caso do espazo mariño, no que se impulsa o sector eólico sen ter en conta a situación dos caladoiros de pesca. O mesmo acontece con respecto ás aves mariñas, para as que non existe un mapa de sensibilidade fronte a implantación da eólica mariña, segundo indicou Antonio Sandoval, de SEO/Birdlife. A costa galega tamén é un santuario ecolóxico para as aves, ao pasar por riba de Estaca de Bares o embude migratorio das aves de maior importancia para Europa e para o mundo.
Aposta decidida polo autoconsumo e as comunidades enerxéticas
Na sesión de tarde do sábado, as xornadas acolleron mesas simultáneas sobre autoconsumo, comunidades enerxéticas locais e xestión nas comunidades veciñais de montes, con grande potencial no ámbito da autoxestión de recursos. Na primeira das mesas, Raquel Fernández, de Amigas da Terra, explicou cales son as características e condicións das comunidades enerxéticas locais, así como as oportunidades de desenvolvemento no país. Do mesmo xeito, José Eiras, da cooperativa Nosa Enerxía, afondou nos obxectivos do autoconsumo de cara ao aforro económico, á soberanía enerxética ou á redución do impacto ambiental. E alentou á cidadanía a tomar a iniciativa na instalación de paneis fotovoltaicos para o uso doméstico.
O debate da tarde do sábado centrouse en abordar as dificultades e oportunidades ás que se están enfrontando as comunidades veciñais de montes en man común en xeral, e en particular, aquelas que están inmersar no desenvolvemento de proxectos de autoconsumo, como é o caso das comunidades de montes de Tameiga, Vincios ou Couso. Brunno Dutto, da Comunidade de Montes de Tameiga, lamentou as trabas administrativas e burocráticas coas que se atopan neste eido as comunidades de montes por non ter personalidade xurídica, e reivindicou a súa capacidade e experiencia no aproveitamento equilibrado e racional dos recursos, estando especialmente preparadas para aforntar os retos das comunidades enerxéticas locais.
Diálogo e capacitación social fronte á imposibilidade da electrificación total
Dúas das palestras que causaron especial expectación foron as do físico e investigador do CSIC, Antonio Turiel, e á da experta en minerais raros da Universidade de Zaragoza, Alicia Valero. Ambos amosaron un escenario inmediatomoi crítico con respecto ao alzamento dos prezos dos alimentos pola escaseza de combustíbeis fósiles, así como polo mantemento dunha lóxica extractivista para o aproveitamento das enerxías renovábeis. Segundo Turiel, estase orientando a transición ecolóxica cara á produción de electricidade cando “as curvas de consumo deste tipo de enerxía levan 15 anos en declive”. Engadiu que o hidróxeno verde aínda non está maduro para a súa implementación, e non o estará en décadas, segundo os propios informes do IPCC. Para Turiel, o novo modelo enerxético pasa por ir a consumos de proximidade, evitando a destrución dos territorios, porque o decrecemento xa se vai impór por si mesmo ante o declive das enerxías fósiles.
A esta perspectiva, engádese a imposibilidade de electricificar toda a economía tal e como prometen os poderes públicos e económicos. Apuntou a profesora Ana Valero que isto implicaría dispoñer de catro planetas Terra, e consumir nunha soa xeración tantos minerais como na historia da Humanidade. “Poderíamos acabar co litio en menos de 20 anos”, por tanto, “as contas da descarbonización non saen”. Tanto para Turiel como para Valero, estamos ante un “pelotazo das renovábeis” e nunha encrucillada de difícil saída na que o diálogo social é fundamental. Nestas circunstancias, a reapropiación dos recursos para o común e a capacitación e formación en materia de enerxía das comunidades rurais é moi necesaria, seguindo o exemplo de experiencias internacionais como a de Onergia, en México, ou a da Xuventude Activa Saharaui.
Nova fiscalidade e planificación fronte a desregulamentación e unha normativa “de guerra”
As xornadas “Temos Alternativa” dedicaron a xornada do domingo a analizar o contexto xurídico-legal a través do que se pretende implantar esta nova de macro-elétricas, caracterizado pola falta de planificación “a mantenta”, de avaliación ambiental estratéxica, de participación pública e por unha “lexislación de guerra”, en relación aos decretos estatais aprobados pola guerra de Ucraína, que eliminan a avaliación ambiental dos procedementos de autorización de proxectos de renovábeis. O profesor de dereito administrativo na UdC, Carlos Aymerich, amosou a súa preocupación pola deriva da Unión Europea cara á simplificación administrativa e a modificación de directivas que poden ser un “obstáculo” para o desenvolvemento deste tipo de proxectos. A economista Rosa María Regueiro puxo o país danés como exemplo de participación social na transición enerxética, onde o vento se considera dereito público, e amosou especial preocupación pola repotenciación eólica en espazos naturais protexidos. Apelou á mudanza do sistema de fixación de prezos marxinalista e á asentar o novo modelo nun marco lexislativo integral e non sectorial.
Fernando de Abel Vilela, tamén profesor de dereito administrativo na USC, lanzou unha serie de propostas encamiñadas a regulamentar de xeito racional a implementación das enerxías renovábeis no territorio galego: ampliación da Rede Natura, unha tarifa eléctrica galega, ou vencellar os tipos de fiscalidade ao retorno social e económico. Da fragmentación fraudulenta de proxectos e dos defectos nas actuais tramitacións de proxectos eólico en Galiza falou o secretario xeral de ACOUGA, Xoán Pérez Lema.
Acción colectiva fronte o abandono dos poderes públicos na defensa do territorio
Sobre a defensa dos recursos hídricos, do medio ambiente, da saúde e dos sectores primarios interviron representantes das plataformas veciñais de afectados/as pola invasión eólica da Baña e Ordes, o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, e a profesora de Paisaxe na Escola Técnica Supoerior de Arquitectura da Coruña, Cristina Fontán. Neste mesa, Carme Varela e Sara Torreiro, como afectadas pola actual vaga eólica, puxeron de manifesto o abuso e indefensión ao que as promotoras eólicas someten ás comunidades rurais asoballadas. A usurpación de fontes de auga, a ocupación de camiños, a eliminación de patrimonio e identidade cultural ou de terras de cultivo son algúns dos dramas aos que se enfronta a poboación afectada e que a convidan a abandonar o seu lugar de vida.
As xornadas “Temos Alternativa” remataron coa celebración dun obradoiro sobre ferramentas legais dirixido especialmente ás comunidades de veciños e veciñas máis afectadas pola invasión eólica de cara, precisamente, a aumentar a súa capacitación de resposta e acción contra o asoballamento das multinacionais da enerxía.