A Indicación Xeográfica Protexida “Terras do Navia” conta co recoñecemento oficial e pode comezar a comercializar co selo de calidade

Lugo 17 de febreiro de 2023. A Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia xa conta con todos os recoñecementos oficiais, polo que que xa viticultores e adegas xa poden comezar a producir, elaborar e comercializar ao amparo do seu selo de calidade. Galiza suma así un novo territorio vitícola amparado por un selo de calidade aos nove xa existentes, consolidándose como unha potencia vitícola en canto a calidade e diversidade.

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) desenvolveu un traballo na última década que foi fundamental para acadarmos esta figura de protección para un territorio vitícola singular como é o val no Navia, un enclave que conta con moita historia e tradición e que este recoñecemento achega un paso máis a súa convervación e a súa necesaria posta en valor.

A nova IXP, que abarca a totalidade do concello de Negueira de Muñiz e unha parte dos concellos da Fonsagrada e de Navia de Suarna, xa conta con tres adegas, Adega da Señora a máis recente e Adega Sidrón e Adega Panchín, que levan anos producindo e comercializando viños de castes históricas deste territorio, como son por exemplo o mencía, o tinto serodo, o verdello ou o branco lexítimo, sendo este último o seu principal elemento de reclamo e recoñecemento no mundo vitivinícola.

As figuras de protección con chave para garantir a conservación e posta en valor de territorios con historia e tradición, máis aínda no caso do rural galego por estar nunha situación de total abandono, froito de ter unha Xunta de Galiza que vive de costas ao rural e que unicamente o ve como un lugar para pór ao servizo da especulación das grandes empresas.

Roberto Rivas, Presidente da AGV, que considera que “este logro non se tería acadado sen o ímpetu e bo facer das adegas e viticultores do territorio”, ve “con moita satisfacción a consecución desta figura fundamental para un territorio vitícola histórico”, mais lamenta todo tempo perdido até este momento “unha vez máis vemos como a Xunta de Galiza chega tarde. Levamos anos reclamando este selo de calidade para o Val do Navia e en todo este tempo púidose ter avanzado moito na súa recuperación e posta en valor”.