Desde a FRUGA queremos denunciar os anuncios, e nalgúns casos a execución, de baixada do prezo do leite que algunhas empresas están trasladando ao sector produtor.

Propostas que incumpren a Lei da Cadea Alimentar sen que as administracións interveñan para a facer cumprir.

Sarria 3 de marzo de 2023. Nos últimos días ven-se falando dunha baixada nos prezos do leite, que de se confirmar sería efectiva a partir do mes de Marzo, de atermos-nos ás novas que están a saír con insistencia.

Algunhas industria xa baixaron os seus prezos, caso de Inleit, con baixas de 2 cts de euro no mes de Xaneiro e 4 cts no mes de Marzo. Estando a piques de vencer un gran número de contratos, aínda non temos noticia, nin se lles trasladou a moitos gandeiros unha oferta para poder renovar os seus compromisos cos distintos operadores do sector, incumprindo, neste caso, a lexislación vixente que di, que as explotacións deben ter coñecemento das ofertas oportunas cunha antelación de 2 meses.

Desde Fruga queremos denunciar os anuncios de baixada que algunhas empresas están trasladando, inicialmente como globos sonda, ao sector produtor, mais se temos de conta que neste momento os custos de produción non paran de subir. Os carburantes, concentrados, fertilizantes, aumentaron o seu prezo notablemente nesta campaña.

Desde que se puxo en marcha a Lei da Cadea Alimentar, na cal se fala da prohibición de fixar prezos por baixo dos custes de produción, non observamos que dita lexislación se aplicara en ningún caso, senón que observamos unha vez mais como o libre mercado, neste caso as industrias, é quen realmente impón os seus prezos de forma unilateral.

Desde que entrou en vigor esta lexislación vimos comprobando como as administracións competentes non están a facer absolutamente nada para evitar que as industrias incumpran a lei. Leva-se falado moito dos custes de produción, pero aínda non se publicou un estudo serio e rigoroso co aval das administracións sobre os custes de produción no sector leiteiro a partir do que se poda fixar uns prezos mínimos viables para as ganderías galegas. Ante unha ameaza deste tipo non é de recibo que non se reunira ningún órgano competente que permitira establecer unha liña de dialogo capaz de evitar estas baixadas inxustas.

A Federación Rural Galega, demanda das administracións competentes, unha intervención contundente que evite unha baixada de prezos, que evite maiores dificultades para os perto de 6000 gandeiros e gandeiras galegas, que por están vendo como souben os seus custes de produción. A viabilidade das explotacións leiteiras galegas pasan por uns prezos que permitan vivir dignamente os seus donos, e para iso as nosas administracións teñen a obriga de por en marcha os mecanismos que teñen a súa man.