Este verao o prezo da carne “suprema” non se viu acrecentado como así viña sendo habitual outros anos por estas datas.
Sarria, 4 de agosto de 2023. Este verao os prezos da carne de “suprema”, amparada pola IXP “Ternera Gallega” están tendo un comportamento anómalo a respecto do que viña acontecendo en anos anteriores, xa que estes se están mantendo cando en anos precedentes se producían importantes subas coincidindo cos meses de xullo e agosto, polo que os gandeiros e gandeiras produtores de tenreira galega suprema vemos comprometidos o noso futuro ao non obter os prezos que outros anos eran habituais.
No mes de maio o conselleiro do medio rural prometía unha axuda para as explotacións gandeiras produtoras de “suprema” de 0,80 euros por quilo de carne, algo que a día de hoxe aínda non se recibiu.
Desde a FRUGA consideramos imprescindíbel que se execute canto antes esta medida anunciada polo señor conselleiro, xa que estamos a falar dun sector estratéxico para manter vivo certas zonas do rural galego, como son fundamentalmente as da montaña, onde a economía de moitos concellos depende principalmente deste sector, e noutros ten unha influencia importante, como poden ser os concellos da Fonsagrada, Ancares, Sarria, Lugo, ou comarcas como as da Terra-Chá ou a Montaña ourensá.
Está por demais dicir que toda medida de apoio ao sector produtor ten de repercutir efectivamente sobre as produtoras e produtores directos, neste caso de carne “suprema”, e non pode, nen debe ser aproveitada para baixar os prezos ao non efectuar a suba que se corresponde con a época do ano, xa que do contrario quen en última instancia se beneficia desta medida sería a industria comercializadora, que estaría mercando a materia prima mais barata sen mudar á baixa o prezo nos puntos de venda.
Demandamos da Consellería do Medio Rural que poña en marcha os mecanismos oportunos para evitar que a industria se aproveite desta axuda para comprar os xatos mais baratos. De non ser así teremos que concluír que quen ao final se vai beneficiar desta axuda van ser os matadoiros, salas de despezamento e distribuidoras co consentimento da Consellería.
Perante calquera abuso por parte da industria transformadora a Consellería ten a obriga de evitar que unha axuda destinada a favorecer aos produtores de vacún de carne acabe beneficiando de forma indirecta a industria cárnica.