A solución deste problema non se pode deixar nas asociacións de caza.
Cenlle, 19 de setembro de 2023. Diante do recente anuncio da Consellería de Medio Ambiente da declaración de emerxencia cinexética en 37 comarcas da xeografía galega que ocupan máis do 80% da superficie total de Galiza, desde a Federación Rural Galega – FRUGA queremos amosar a nosa preocupación polo desleixo de funcións por parte do Goberno galego, responsabilizando e deixando nas mans das asociacións de caza unha cuestión tan preocupante, xa non soamente polos danos na actividade primaria senón por cuestións de alarma social, seguridade viaria, protección civil entre outras. A Xunta de Galiza toma decisións por “oídas” ou polas noticias dos medios de comunicación, é dicir, sen ningún rigor científico.
Desde FRUGA non temos constancia ningunha da existencia da realización dun censo da poboación de xabarín, nin da súa estrutura piramidal de idades entre outros aspectos moi importantes como as idades de reprodución das femias. Desde Federación Rural Galega levamos pedindo desde fai anos que se fagan estudos deste tipo.
Todos os axentes sociais implicados somos conscientes de que existe un grave problema social, económico e incluso ecolóxico con esta especie, e evidentemente deixar a solución deste problema nas mans dun colectivo que emprega a caza como deporte, afección ou hobby non parece o máis axeitado, serio e rigoroso, descargando toda a responsabilidade propia da administración, e incluso como se os propios cazadores fosen os responsables deste grave problema do medio rural e que cada vez, en máis ocasións, está ocasionando problemas en ámbitos máis urbanos, por eso queremos facer un chamamento aos cazadores para que non participen neste ridículo esperpento ao que nos ten acostumados a Xunta de Galiza con este tema.
Entendemos que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores pero nunca poden ser os responsables de levar a cabo o control dunha posible “praga”, se ben é certo que non sería a primeira vez xa que no ano 2019 a Xunta de Galiza tamén realizou unha declaración de Emerxencia cinexética e catro anos despois estamos vendo claramente que foi un fracaso total e absoluto, e o que máis chama a atención é que se tome esta medida a mediados de setembro cando a meirande parte dos froitos están recollidos, polo que temos a seria convicción que esta é unha medida populista e con propósitos electorais coa proximidade das eleccións o Parlamento de Galiza.
Para rematar dende FRUGA, solicitamos por enésima vez que a Xunta de Galiza non faga renuncia das súas responsabilidades e exerza as súas competencias e proceda a acometer a realización dun estudo serio e rigoroso para saber dun xeito científico a situación da poboación, costumes, ciclos biolóxicos, densidade de poboación e todos aqueles aspectos que nos axuden a tomar decisións obxectivas e baseadas en criterios científicos e no caso de ser preciso pedimos e esiximos da Xunta de Galiza valentía política para a declaración de PRAGA do xabarín.