OS VIÑOS DAS TERRAS DO NAVIA ESTÁN DE MODA.

Barro, 13 de decembro de 2023. A Federación Rural Galega (FRUGA) leva varios anos traballando nesta zona de Lugo, para poñer en valor un territorio moi interesante -aínda que descoñecido- para a viticultura galega. Este ano, dentro dun convenio coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo, a AGV-FRUGA realizou varias actividades para apoiar un terreo esquecido, pero moi valioso.

A finais de setembro, os xardíns do Pazo de San Marcos foron testemuñas da posta de largo da nova IXP, nunha cata que foi conducida polo sumiller Martiño Santos e o enólogo Roberto Regal. Os viños da IXP celebraron, deste xeito, que por fin en febreiro de 2023 lles foi recoñecida a condición de Indicación Xeográfica Protexida, e que lles axudará na comercialización dos seus viños.

Presentación da IXP Terras do Navia nos xardíns do Pazo de San Marcos.

A caste coñecida nas Terras do Navia como “branca país”, pero noutras zonas como “branca lexítima”, “raposo” ou “albarín blanco”, é a maioritaria na IXP. Por esta razón, o 28 de outubro celebrouse en Negueira de Muñiz unha xornada de exaltación desta caste. Unha vintena de referencias desta caste déronse cita nun acto que conduciu o sumiller Alejandro Paadín, e no que se puideron apreciar as diferenzas na elaboración desta caste segundo o territorio. Nesta xornada participaron diversas adegas daqueles lugares onde se producen viños desta variedade, como a IXP Betanzos, a IXP Barbanza-Iria, a DOP Vino de Cangas e a DO León.

Xornada da branca lexítima en Negueira de Muñiz.

Para pechar o ano, o 2 de decembro celebrouse en Negueira de Muñiz un Encontro Adegueiro, no que participaron diversas adegas de todas as zonas vitivinícolas galegas. Este acto, no que houbo unha conferencia do sumiller Miguel Anxo Besada, un túnel do viño con variedades e elaboracións especiais, e unha mesa redonda final, onde varias persoas que foron importantes para a creación da IXP debateron sobre o futuro dos viños galegos.

Encontro adegueiro en Negueira de Muñiz.

Nesta acto tamén se presentou un vídeo promocional da IXP Terras do Navia, realizado por J. Aragunde, na que se puxeron en valor os viños do territorio da IXP, e que ten que servir como primeiro altofalante dunha zona que comeza a estar de moda.