A FRUGA reúne-se co deputado do BNG no Congreso para trasladarlle as demandas do sector agrario galego perante o goberno español

Facer fronte as cargas burocráticas que recaen sobre as explotacións agropecuarias e a inadaptación de determinadas liñas de axudas da PAC, así como necesidades do sector vitícola galego son as principais demandas dos agricultores e agricultoras galegas perante o goberno central.

No día de onte tivo lugar unha reunión entre representantes da Federación Rural Galega – FRUGA e o deputado do BNG no Congreso de Deputados do Estado español. A reunión tivo por obxectivo trasladarlle as preocupacións do sector agropecuario galego perante as distintas normativas emanadas do goberno español.

A finais do ano pasado o goberno central publicou unha serie de normativa que vai ter especial incidencia sobre o sector agropecuario, debido, sobre todo, a carga burocrática que esta normativa implica, tal como é a obrigatoriedade de as persoas titulares de explotacións agropecuarias relacionarse coa administración exclusivamente por vía telemática, non tendo de conta tanto a posíbel falta de habilidades neste campo como a falta de cobertura no mundo rural, ou obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación ou un plano de fertilización, ligado todo iso coa necesidade de levar un caderno de explotación. Todas estas obrigas van acrecentar o volume de traballo burocrático o que en moitos casos iso vai levar aparellado a necesidade de contratar servizos externos, co conseguinte aumento de custes para as explotacións. En principio a maioría desta normativa vai entrar en vigor a partir do 1 de xaneiro do próximo ano 2024. Esta nova situación pode provocar novos peches de explotacións.

Tamén foi obxecto de atención o referido a aplicación da nova Política Agraria común (PAC), sobre todo no que ten a ver cos eco-rexímes e a sua falta de adaptación á realidade galega. Como exemplo comentou-se o que acontece co eco-rexíme de sega sustentábel, que para poder cobrar esta liña de axuda, durante os meses de xullo e agosto non se lle pode tocar aos prados, cando é precisamente nesta época cando se recolle a herba seca e se preparan os prados para a sementeira dos prados de outono. Esta situación demostra que estas exixencias non contemplan a nosa realidade e soamente se pode entender se este tipo de condicións foran ideadas desde Madrid.

No que ten a ver co sector vitícola a preocupación da FRUGA perante o goberno central están referidas ao reparto de fondos europeos, os seguros agrarios que non se adaptan ás nosas necesidade e ao alarmante desembarco de capital foráneo, mesmo fondos de investimento, neste sector especulado e acaparando terra e facendo presión sobre outros sectores asentados no territorio e, nalgúns casos, provocando o peche de explotacións, a parte dos problemas medioambientais que esas macro-plantacións poden provocar.

Por último volveu-se a facer fincapé na necesidade de que a Lei da Cadea Alimentar se dote de mecanismos que impidan vender os produtos agropecuarios por baixo dos custes de produción, tal como está a acontecer aínda a dia de hoxe.