Moitas solicitudes poden ficar excluídas por non ter contratado este tipo de seguros ao non se adaptar á viticultora galega. Non é posíbel asegurar os danos causados polo “mildio”.
Cenlle, 29 de decembro de 2023. Estes días a Consellería do Medio Rural (CMR) está-se pondo e contacto, mediante chamada telefónica, cos viticultores e viticultoras que solicitaran axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo na Galiza, de acordo coa Orden de 24 de marzo de 2023. Orden que ten por obxecto establecer as bases reguladoras destas axudas no ámbito da comunidade autónoma da Galiza, en consonancia co Real Decreto 905/2022, de 25 de outubro, que regula a intervención sectorial vitivinícola (ISV 2024-2027) no cadro do plano estratéxico da política agraria común.
O motivo desta chamada telefónica foi o de dar-lle a coñecer a situación na que se encontra a sua solicitude. De acordo con algunhas das chamadas recibidas tira-se a posibilidade de algunha solicitude ficar excluída por non dispor de seguro agrario para o cultivo do viñedo, e deste xeito non poder computar os 4 puntos que establece a letra d) do artigo 24 de criterios de prioridade. A imposibilidade de poder obter estes 4 puntos, nalgún caso pode supor ficar por baixo da puntuación de corte que dá dereito a recibir a axuda solicitada.
A este respecto cumpre cando menos facer dous comentarios. A primeira, que a inclusión deste criterio, que vem obrigado polo RD 905, pode significar que fiquen excluídas moitas solicitudes, xa que o seguro agrario de viñedo non se adapta adecuadamente á situación da viticultura galega, dando-se o caso de que cando hai unha enfermidade que se considera endémica do territorio, o consorcio de seguros non asegura ese viñedo por esa enfermidade, por exemplo na Galiza non é posíbel asegurar un viñedo contra o “milidio”, porque se considera endémica. Outra situación pola que non compensa subscribir unha póliza de seguro ven dada polas insignificantes indemnizacións que cobren estas pólizas nos casos de problemas causados pola metereoloxía (xeadas, saraibadas, etc), que non chegar para cubrir os danos causados, polo que desde a FRUGA podemos concluír que a CMR non soubo defender adecuadamente os intereses da Galiza perante o goberno español.
O segundo cuestión, o que aínda é mais grave, é que a propia CMR pondere este criterio con 4 puntos, dando-lle mais peso que a outros criterios como o de ser agricultor profesional ou estar inscrito no rexistro de operadores de produción ecolóxica, ou ser muller viticultora, sobre todo cando outras comunidades autónomas ponderan todos os criterios de prioridade coa mesma puntuación, como acontece coa Orde de Catalunya. Polo que lle solicitamos á CMR, de que no caso de non ser eliminado este criterio na normativa estatal, reduza á mínima expresión o valor asignado ao mesmo
Desde a FRUGA comprometémonos a facer as xestións oportunas perante a administración estatal para que elimine este criterio de prioridade da sua normativa, e en todo caso demandamos da administración galega, que mentres tanto non sexa eliminado se comprometa a reducir á mínima expresión o valor asignado a este criterio de prioridade.