Galiza é a única comunidade autónoma na que todas as persoas beneficiarias da PAC 2023 son cotizantes da Seguranza Social Agraria.

No resto de comunidades autónomas as persoas beneficiarias incumpren esta condición, sendo unha das optativas para ser considerado Agricultor/a Activo.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024. O Fondo Español de Garantía Agrícola (FEGA) recentemente ofreceu unha información na que relaciona o número de persoas cotizantes a Seguranza Social Agraria bem porque estexa dado de alta no Réxime Especial da Seguranza Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos (RETA) ou no Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios (SETA) co número de solicitantes das axudas da PAC correspondente á campaña 2023.

O Real Decreto 1048/2022 de 27 de decembro de 2022 establece a normativa básica das intervencións en forma de pagamentos directos, aplicábel para o período 2023-2027, e no que se determinan os requisitos comúns para ter dereito ao cobro das axudas de pagamentos directos da PAC, e dentro deles quen ostenta a calidade de beneficiario.

O artigo 4 precisa os requisitos comúns para ter a condición de beneficiario/a ao cobro das intervencións en forma de pagamentos directos para o que é necesario ser agricultor ou agricultora activa. É dicir ser titular dunha explotación agraria situada no Estado español e ademais cumprir unha das seguintes condicións:

a) Os ingresos agrarios superen o 25% dos ingresos totais

b) A persoa física ou ou socios en atribución de rendas estar dado de alta na Seguranza Social Agraria (RETA ou SETA) con actividade relacionada con o sector agroalimentar.

No momento en que se estiveran a debate as condicións da PAC para o período 2023-2027 este foi un asunto de grande controversia, o de quen debería ter dereito a cobro das axudas da PAC, e non resolto adecuadamente ao noso entender, como agora os dados veñen a demostrar.

Desde a Federación Rural Galega sempre defendemos que as axudas da PAC terían de ser cobradas polas persoas que se dedican á actividade agraria profesionalmente, e loxicamente entende-se que toda persoa que figura de alta na seguranza social agraria cumpre esta condición.

Segundo o FEGA soamente o 41,57% dos solicitantes da PAC 2023 teñen a condición de cotizantes á Seguranza Social Agraria, sendo o caso mais extremo o de Castela A Mancha no que apenas o 25,12% cumpren esta condición, é dicir que das 97.013 persoas solicitantes 24.374 están dadas de alta como cotizantes agrarias. En situación parecida se encontra Andalucía onde das 219.523 solicitantes tan só 60.217 cotizan á agraria, isto é o 27,43%. Lixeiramente por cima do 30% encontran-se a Comunitat Valencià e Extremadura.

Galiza é o único caso no que se dá que hai mais persoas cotizantes que solicitantes. Sendo o número de cotizantes de 24.511 e o de solicitantes 24.395, isto significa en termos porcentuais o 100,48%. Situación que ten a sua explicación porque a maioría das explotacións agropecuarias galegas son de carácter familiar, onde maioritariamente, se a explotación esta rexida por unha parella sem fillos ou que estes estexan en idade escolar ou traballando fora da explotación, o mais normal é que estexan os dous dados de alta e a solicitude se faga a nome de uma delas, mesmo se dan casos de tres cotizantes por explotación, o matrimonios con un fillo ou filla incorporada, situación que como se ve non se dá no resto do Estado español, mesmo entre as comunidades do arco cantábrico.

Desde a FRUGA reclamamos que por parte das administracións públicas se corrixa esta anomalía. Do goberno galego demandamos que inicie as conversas necesarias perante do goberno español para mudar as condicións para definir apropiadamente a figura de persoa beneficiara ao cobro dos pagamentos directos da PAC, recaendo exclusivamente sobre todas aquelas persoas que podan demostrar a sua condición de agricultor ou agricultora a título principal, profesional ou activo agrario mediante a alta na Seguranza Social Agraria. Desta maneira un total de 636.669 solicitantes da PAC e que non acreditan estar dados de alta na Agraria ficarían excluídos, dando-se a posibilidade de acrecentar os importes a cobrar por parte das persoas que si demostran a súa condición de profesionais do sector agropecuario.