Perante o abatimento de animais sans na campaña de saneamento a FRUGA non se opón á campaña de saneamento mas si a que se maten animais sans.

Demandamos da Consellería do Medio Rural que se poña fin a esta sangría, botando mao de outro tipo de probas e desbotando os criterios iniciais das campañas de saneamento que xustificaban a necesidade da erradicación da tuberculose bovina.

Sarria, 23 de xaneiro de 2024. As actuais campañas de saneamento que se están a realizar polo país, están levando consigo un importante número de sacrificios de animais, como consecuencia dunha reacción a proba de tuberculose. Evidentemente que moitos destes animais cando acoden ao matadoiro e son analizados a través dunha proba postmorten, confirmase que eran animais sans, que non padecían ningún tipo de patoloxía pola cal deberían ser eliminados.

Estamos ante un protocolo moi agresivo cos gandeiros e gandeiras, que impide que se realice unha proba de contraste chamada comparada, para saber se as reaccións do animal se deben a outro tipo de enfermidades, como pode ser a gripe aviar.

Por parte da Xunta de Galiza non observamos ningunha predisposición para procurar algún tipo de solución a un problema desta magnitude. Estamos unha vez mais ante un proceso de matanza sen importar nada o problema que isto lle supón as ganderías galegas. E moi doado sacrificar un animal desde un despacho, pero dende logo a un gandeiro ou gandeira suponlle perdas considerables, e ademais, o que aínda causa mais desconcerto e malestar nas ganderías afectada é que despois ese animal, ou animais, cheguen ao matadoiro e se demostre que non estaban contaxiados.

A Federación Rural Galega demanda da Consellería do Medio Rural, que se poña fin a esta sangría, e que se fagan todos as probas de contraste precisas para evitar o sacrificio de animais sans. Xa vai para moitos anos que se leva facendo o saneamento animal e o papel da Consellería, naquel intre, era claro, había que conseguir a erradicación da tuberculose bovina. Agora unha vez conseguido ese obxectivo non é de recibo que se manteña o mesmo método e os mesmos criterios que os que se aplicaran ao inicio das campañas de saneamento, a matanza mesmo preventiva de animais sans, algo que se ven prolongado durante muito tempo. Si realmente é preciso botar man doutro tipo de probas e mudar os criterios iniciais, haberá que facelo, pero desde logo o que non é normal, e que a dia de hoxe as ganderías galegas estean a sufrir este “matavacas” indiscriminado.

Desde FRUGA consideramos que tanto o conselleiro de medio rural, debe dar a cara nun asunto desta magnitude, e non botar balóns fóra argumentando que todo e culpa é dos protocolos que proceden do goberno central, cando a sanidade animal está en mans da propia administración galega.

A defensa dos sectores agro-gandeiros pasa por evitar sacrificios de animais sans, do contrario as explotacións galegas estamos a sufrir unha importante mingua de ingresos, e ao mesmo tempo problemas de adaptación dos novos animais que hai que repoñer nas nosas granxas.

Dende a Federación rural Galega (FRUGA), non nos opoñemos a que se maten animais enfermos, pero si nos opoñemos a que se meten animais sans.