O convenio ten por obxectivo o estudo, análise e alternativas de viabilidade económico-social e medio-ambiental nas franxas de biomasa forestal nos MVMC das comarcas da Barbanza e da Costa da Morte na provincia da Coruña.
A Coruña 8 de marzo de 2024. O dia 8 de marzo tivo lugar na Deputación da Coruña a sinatura de un convenio de colaboración entre esta entidade e mais a Federación Rural Galega – FRUGA co obxecto de desenvolver un estudo e análise para a formulación de alternativas na xestión das franxas de protección de acordo coa normativa vixente referida a Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra incendios forestais da Galiza, de acordo co seu artigo 20 referido á xestión da biomasa existente nos terreos forestais, e nas zonas de influencia forestal a través das chamadas “faixas”. Dividindo estas faixas en : redes primarias, secundarias e terciarias.
En atención a esta normativa as faixas de protección en que se vexa afectada calquera zona ou superficie dun Monte Veciñal en Mao Común (MVMC), os titulares da Comunidade do MVMC ven-se na obriga de realizar unha xestión da biomasa existente par evitar a propagación do lume e facilitar a sua extinción. A lei considera como persoas responsábeis, tanto no que se refire ás redes secundarias como terciarias, ás persoas físicas ou xurídicas titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal en que teñan os seus dereitos.
Tendo de conta as necesidades ás que se teñen de enfrontar as Comunidades de Montes, á hora de xestionar as obrigas impostas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais na Galiza, nas faixas de protección nas redes secundarias e terciarias, desde a FRUGA consideramos necesario que desde as administracións implantadas no territorio, como son as Deputacións Provinciais, se establezan medidas de apoio ás CMVMC para dotalas dun maior coñecemento das posíbeis viabilidades económicas, sociais e medio-ambientais e as ferramentas necesarias á hora de facer unha axeitada xestión da biomasa vexetal, naquelas superficies dos seus montes nos que lles é obrigatorio establecer franxas de protección como método de prevención, defensa e loita contra os incendios forestais.
En base a estas consideracións FRUGA formulou-lle unha proposta de convenio á Deputación da Coruña para establecer unha liña de traballo que permita desenvolver a realización das seguintes actividades en montes veciñais das comarcas coruñesas da Barbanza e da Costa da Morte por ser as zonas da provincia da Coruña que concentran a maiorías dos MVMC desta provincia, así dos 297 MVMC, 167 atopan-se na comarca da Barbanza e 77 na Costa da Morte:
- Estudo e caracterización das distintas afeccións ás que se ve sometida a superficie dos MVMC, en aplicación da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais, pola construción das distintas edificacións, nomeadamente as vivendas (distinguindo primeiras e segundas vivendas), a súa situación a nivel da normativa urbanística municipal. Repercusión e estudo económico de custes de xestión da biomasa vexetal nas superficies afectadas e análise da súa sustentabilidade en termos económicos e sociais.
- Identificación e análise da repercusión, e estudo económico, de custes de xestión da biomasa vexetal nas superficies afectadas polas faixas de protección das redes secundarias e terciarias, en aplicación da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza. Análise da sua sustentabilidade en termos económicos e sociais.
- Análise e formulación de alternativas para a sustentabilidade económica e social da biomasa vexetal e forestal das superficies afectadas, por medio dos posíbeis aproveitamentos da mesma e das posíbeis alternativas de uso e produtivas para as zona afectadas polas franxas de protección.