Potenciar unha economía circular implica pechar os ciclos produtivos. Sobre o 45% do leite producido na Galiza sae da Galiza sen transformar.
Sarria, 2 de abril de 2024. O proxecto de celulosa que a empresa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa supón un grande perigo para a actividade agropecuaria da zona, non soamente para a comarca da Ulloa, senón tamén para as comarcas de Arzúa, Terras de Melide, e o O Deza.
Estas catro comarcas contan con 4.087 explotacións pecuarias, o que ven supondo sobre un 18,6% do total das existentes na Galiza (21.980), e unhas 90.187 cabezas de gando vacún ou o que é o mesmo que aproximadamente o 21% da Galiza (430.232). Todo este potencial produtivo vai-se ver ameazado no caso de que ao final se acabe instalando esta macroplanta de celulosa no concello ulloán de Palas de Rei, así como a DO queixo Arzúa-Ulloa, con mais de 20 empresas transformadoras e a segunda en produción de queixo de todo o Estado español.
Mas os efectos que tería esta instalación non soamente afectarían á zona directamente afectada, senón que tería graves efectos sobre todo o sector agropecuario galego. O motivo de tal repercusión ten a ver co efecto chamada para acrecentar a plantación de eucalipto en competencia coa terra agraria para actividades agropecuarias. Non debemos esquecer que a superficie agraria media por explotación na Galiza é de 7,93 ha, cando a media española é de 26,14 ha, e que desde hai xa bastantes anos Galiza ven perdendo terra agraria, entanto a superficie forestal ven aumentado e dentro dela a dedicada ao eucalipto.
Dinámica totalmente contraria á que parece predominar en instancias da UE. Así vemos como a Política Agraria Común (PAC) parece apostar por un modelo de explotación agraria mais extensiva e mais respectuosa co medio ambiente, mesmo potenciando a agricultura ecolóxica, todo o contrario do que asemella apostar a política da Xunta da Galiza, pondo en risco o futuro das explotacións agrarias desta zona e de proxectos de agricultura ecolóxica implantados nela. Todo indica que a política da Xunta da Galiza quere renunciar a utilizar con carácter produtivo o noso territorio.
E por cima este proxecto de Altri quérese-nos vender como modelo de economía circular, cando o que realmente é, é una economía de enclave. A verdadeira economía circular é aquela que pecha os ciclos produtivos. Debemos ter de conta que a Galiza é a primeira produtora de leite do Estado español e unha das dez mais produtoras da UE, entanto a industria galega do leite soamente supón o 10% da española. Deste xeito sobre o 45% do leite producido na Galiza sae para fora para ser transformada noutros territorios, especialmente no resto do Estado, e da mesma forma se entende que sexa a Galiza onde o prezo do leite pago ao sector produtor sexa o mais baixo de todo o Estado, e todo por Galiza carecer dunha industria láctea forte. Dotar Galiza de unha industria láctea propia e competitiva a nivel estatal si seria economía circular.
Políticas forestalistas como a que quere levar a cabo a Xunta da Galiza e algunhas entidades forestalista integradas en organizacións agrarias son un perigo para o futuro da Galiza e para a sua soberanía alimentar.