Demandamos da Consellería do Medio Rural unha actuación decidida para trabar esta situación, de non ser así a FRUGA non descarta tomar outro tipo de medidas.
Sarria, 9 de abril de 2024. Actualmente as explotacións de bovino de carne inscritas dentro da categoría suprema da DO “Ternera Gallega”, están a sufrir unha baixa de prezos considerable. Estamos a falar de mais de 0,60 euros por KG canal, o cal supón en torno a 120€en cada xato producido nas gandarías de produción tradicional. Esta baixada supón importantes perdas neste sector, a da de hoxe, veñen-se sacrificando en torno a 90.000 vitelos de categoría suprema cada ano, co cal de persistir a situación, pode supor que os gandeiros e gandeiras deixen de ingresar case 11 millóns de euros anualmente.
Dende a Xunta de Galiza, prometeu-se-lle a todas as gandarías unha axuda de en torno a 200€ por cada animal que fora sacrificado baixo a categoría de suprema, pasado o tempo esta axuda segue sen cobrarse, e todo parece indicar que o importe vai ser inferior na maioría dos casos, co cal estamos ante unha nova falsidade da propia Consellería do Medio Rural. Os grandes beneficiarios desta axuda, están sendo os matadoiros, que a día de hoxe xa están a pagar menos polas reses sacrificadas, e como xa advertimos desde FRUGA no seu momento, esta axuda vai beneficiar indirectamente o sector industrial, e non o sector produtor que en principio era o destinatario.
Ao mesmo tempo podemos observar, como a DO veciña de Asturias, tenreira asturiana, está a ter prezos superiores a Ternera Gallega Suprema, o cal é algo insólito na historia de ambas Indicacións Xeográficas Protexidas.
FRUGA considera, unha vez mais, que a Lei da Cadea Alimentar para nada se está a aplicar, non soamente se venden os xatos por debaixo dos custes de produción, senón que se venden en función dos intereses do mercado, convertendo unha vez mais a famosa lei da cadea alimentar, nunha simple declaración de intencións. No ano 2022, asinaba-se un acordo do sector cárnico galego, promovido polo propio conselleiro do medio rural, e no cal participou a maior parte das organizacións profesionais do sector Pasado xa certo tempo comprobamos como ese acordo non serviu absolutamente para nada, soamente para a propaganda da propia Consellería. Naquel intre a Federación Rural Galega, decidiu non asignar aquel acordo, porque non se vía ningunha garantía para manter uns prezos dignos, e o mesmo tempo albiscaban-se intereses escuros por parte de certos sectores da agro-industria, que pretendían empregar a Suprema para a promoción da Denominación de Orixe, e por detrás sacar a tenreira galega normal, utilizando boa parte da produción tradicional como materia prima dos cebadeiros.
Desde FRUGA consideramos que a Consellería do Medio Rural ten que tomar cartas no asunto. Perante a magnitude deste problema, nun sector clave no medio rural galego, o que non se pode facer e mirar para outro lado. A produción de suprema precisa duns prezos dignos para asegurar o futuro de moitas comarcas galegas, xa que non soamente é o principal sector económico, senón que nalgúns casos é o único. De continuar esta situación aFederación Rural Galega non descartar tomar outro tipo de medidas, porque vemos que moitas explotacións do País teñen serios problemas de viabilidade, para poder desenrolar a súa actividade con garantía de futuro.