O prezo do leite en orixe non pode responder ao intereses comercias das industrias ou das cadeas de alimentación.

Segundo a Lei da Cadea Alimentar o prezo deberá ser o custe efectivo de produción calculado tendo de conta os custes de produción.

Sarria, 11 de xullo de 2024. Nestes últimos días vimos asistindo a noticias que fan referencia a que distintas cadeas de distribución iniciaran campañas promocionais de venta de leite a baixos prezos nos seus supermercados, utilizando o noso leite como produto reclamo.

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, consideramos que calquera tipo de campaña que utilice o leite a baixo prezo como reclamo por parte da distribución en ningún caso pode afectar ao prezo que debemos percibir produtores e produtoras. A día de hoxe as 5494 gandarías galegas de leite, están a percibir unha media de 0,45 euros/litro, co cal xa non queda ningún tipo de marxe para volver a aplicar mais baixadas.

Fai exactamente agora un ano desde a FRUGA denunciabamos que as baixadas do prezo do leite no campo non se estaba a reflectir nunha baixada nos puntos de venta. Baixadas totalmente inxustificadas, na medida en que os custes de produción seguían igual, e nalgúns casos con pequenas subas. Agora que algunhas cadeas de venta iniciaran unha baixa do prezo do leite o que esperamos desde a FRUGA é que esta non repercuta sobre o sector produtor.

A Lei da Cadea Alimentar no seu artigo 9 letra j) especifica que “o prezo pactado entre o produtor primario, neste caso agrario, e o seu primeiro comprador deberá cubrir o custe efectivo de produción”. Así mesmo o artigo 12 establece que para “evitar a destrución do valor na cadea alimentar, cada operador da mesma deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custe efectivo de produción ..”.

De tal xeito que o prezo de venda, neste caso do leite, debe formar-se a partir de satisfacer ao sector produtor o custe efectivo de produción até chegar ao punto de venta, e se algún elo da cadea alimentar executar prácticas comerciais abusivas terá de sofrer as consecuencias por parte da administración competente acorde co comportamento que está pondo en causa a cadea de valor do produto primario. Mas o que realmente está a pasar é que as administracións están a mirar para outro lado, xa que por un lado negan-se a establecer mecanismos efectivos para determinar os custes de produción, e por outro non están actuando contra os axentes comerciais que están tendo practicas comerciais que poderían ser consideradas como abusivas.

Desde FRUGA entendemos que os prezos que establezan as grandes áreas comerciais, en ningún caso poden ser a conta da baixada de prezos nos explotacións, e para elo, as Administración competentes deben tomar cartas no asunto, tanto o Ministerio de Agricultura, como a propia Consellería do Medio Rural e impedir novas baixadas do leite que se lle paga ao sector produtor.

Tendo en conta que somos unha potencia láctea, esta situación debería levar a que a propia administración galega fora quen liderara unha política de prezos baseada na aplicación da Lei da Cadea Alimentaria. É urxente, dunha vez por todas, establecer mecanismos que permitan fixar os custos de produción, para así evitar que o sector produtor sexa quen sufra as posibles baixadas de prezos, que se intentan establecer desde a distribución.

Nos últimos tempos desde a Consellaría do Medio Rural non se está a exercer ningún tipo de acción neste sector. Para cando a reunión da Mesa do Leite?