O futuro do sector lácteo galego está sendo deseñado polas industrias lácteas con criterios mercantilistas.

Este deseño está a provocar a desertización do rural mediante a concentración da produción tanto territorialmente como en menos gandarías, entanto a Consellaría mira para outro lado, facendo deixación das súas funcións.

Sarria, 1 de agosto de 2024. Recentemente tivemos coñecemento de que unha central leiteira, concretamente a empresa Lactalis, ven de anunciar que lle deixaba de recollerlle o leite a un grupo de gandeiros e gandeiras de distintas comarcas do país. Estamos a falar dunha industria láctea de capital francés, que non lle quer renovar o contrato a ganderías das comarcas de Ancares, Tabeirós, e Ordes.

Os argumentos que emprega esta industria son que estas explotacións non cumpren as novas normativas da UE, ou simplemente que por razóns de carácter loxístico non lles interesa seguir recollendo leite nestas explotacións.

Nalgunha comarca do país, actualmente a produción de leite concentrase en moi poucas explotacións, como é o caso de Ancares. Estamos a falar de ganderías totalmente sustentables, e que maioritariamente optaran polo pastoreo para a alimentación do gando. Nestes casos a produción leiteira significaba unha fonte de ingresos directa, ao tempo que contribúen a xerar unha serie de postos de traballo indirectos, que dalgunha forma favorecen manter un medio rural vivo e con actividade agro-gandeira.

FRUGA considera que a industria láctea, con estes procedementos, é quen realmente está a reestruturar este sector, alimentando o abandono de certas granxas, e o mesmo tempo favorecendo a ampliación e concentración de outras en concellos do país con menores custos de recollida e transporte do leite.

En consecuencia estamos a asistir como moitos concellos do país xa non teñen produción de leite, e en outros nos que existe un escaso número de gandeiros e gandeiras, e con producións menores, as propias industrias están favorecendo o seu abandono. Cando non se lles renova un contrato, ou con prezos inferiores a outras explotacións da Galiza, dando lugar así un proceso de concentración da produción do leite, en cada vez menos concellos galegos e menos gandarías.

Perante tal situación, comprobamos unha vez mais como a Consellería do Medio Rural mira para outro lado, sen tomar ningún tipo de medidas que impidan estas prácticas da industria, tendo en conta que este fenómeno pode ir a mais, e pode favorecer o abandono mais rápido da produción de leite en certas comarcas do país.

Cando se produce un abandono nas producións, e por tanto na actividade agro-gandeira, as fincas produtivas na maioría dos casos teñen dous usos, por un lado poden ser destinadas a forestación masiva coa implantación do eucalipto ou, poden ser destinadas ao aluguer para outros labregos e labregas, e de non ser o caso pasaran a se converter en improdutivas. Neste último extremo, consideramos que a administración non lle queda outra que investir importantes dotacións orzamentarias, para a prevención de incendios en terreos improdutivos.

FRUGA considera que ante unha situación deste tipo, non poden ser en ningún caso as industrias quen planifiquen o futuro do sector lácteo galego, e peor aínda que non poden ser estas quen contribúan a desertización do medio rural neste país.

A Xunta de Galiza ten de ser quen deseñar o futuro do agro galego, sen favorecer modelos de forestación masiva da terra agraria, e sobre todo impedindo o abandono de explotacións e posterior concentración destas. Do contrario estamos a observar como as grandes concentracións gandeiras, están a ter efectos negativos para o medio ambiente, e non é de recibo que isto se dea en Galiza, cando temos unha importante cantidade de superficie agraria sen cultivar.

A Conselleira do Medio Rural, ten a obrigar de tomar cartas nun asunto como este, co fin de contribuír a manter unhas producións gandeiras acordes coas propias necesidades do país, con métodos sustentables e medioambientalmente sostibles, Esperamos que a nova titular da Consellería do medio rural tome catas no asunto ante tal situación.