Sarria, 21 de agosto de 2024. A aparición da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) nos últimos meses, está xerando unha alarma entre as explotacións gandeiras galegas. A dia de hoxe son moitos os casos detectados, especialmente nas provincias de Ourense e Lugo. As perdas que sofren os gandeiros e gandeiras galegas son múltiples, morte do animal, importantes gastos no tratamento das reses afectadas, perda de produción nas granxas que sofren esta doenza. Calculase que cada animal que logra salvarse, ten uns custos de 400 euros como consecuencia dos tratamentos a aplicar e da posterior perda produtiva.
Esta enfermidade é transmitida por un mosquito, que como consecuencia do cambio climático, ten maior presenza no noso País. Adoita activarse en períodos de verán, cando se produce un aumento das temperaturas.
FRUGA considera que a Xunta de Galiza debe pór en marcha as seguintes medidas:
1 Habilitar unha dotación orzamentaria suficiente, destinada a indemnizar as explotacións vítimas desta doenza, tanto no que respecta a morte do animal, tendo de conta o valor real de mercado para a sua reposición, como nos gastos que supoñen os tratamentos a aplicar e os servizos veterinarios.
2. Así mesmo desde a Consellería é preciso pór en marcha un sistema de indemnización por lucro cesante, para que as gandarías afectadas por esta doenza poidan seguir adiante, ante posibles perdas de produción.
3. Pór en marcha de forma inmediata un proceso de vacinación voluntaria contra a EHE, totalmente gratuíta e que axude a paliar os efectos desta enfermidade.
4.Traballar de cara o futuro a través da realización dun estudo que permita planificar as futuras campañas perante os efectos nocivos desta doenza.
E de xeito inmediato proceder ao pagamento das indemnizacións que aínda están sen pagar correspondentes ao ano 2023.
Toda estas medidas, deben ser postas en marcha de forma urxente por parte da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo dos apoios que podan vir de outras administración tanto estatais como europeas.
É evidente que ante unha situación de alarma sanitaria, debemos actuar de forma rápida e eficaz, co fin de paliar as perdas sufridas polos gandeiros e gandeiras deste País. As gandarías en extensivo, na medida en que nestes momentos son as mais afectadas, son claves para a pervivencia dun medio rural vivo, e como tal é preciso aplicar medidas urxentes ante situacións de emerxencia sanitaria como as que estamos a vivir nestes días.