En Barro, a 25 de setembro de 2024.
A situación da viticultura na Denominación de Orixe Ribeira Sacra é límite. A crise de consumo dos viños tintos fai que as adegas teñan un nivel de excedentes de viño que compromete o presente e as futuras colleitas. As persoas colleiteiras estanse vendo desamparadas ante unhas adegas que ameazan con non recoller as uvas, e ante unha Consellería de Medio Rural que anuncia medidas, pero que non fai realidade en tempo e forma. A consecuencia disto será, irremediablemente, que moitas persoas que dedican os seus esforzos á viticultura, deixen de facelo, causando o abandono dunhas viñas e dunha paisaxe que no 2026 será avaliada para ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Ante esta situación límite, a Xunta de Galiza, cunha nula capacidade de reacción e de xestión, anunciou o 2 de setembro -tarde e mal- unha serie de medidas para atallar o problema, destinando 500 mil euros á destilación de crise, mediante unha Orde de axudas que se faría pública no DOG “nas vindeiras semanas”. Porén, esta Orde aínda non foi publicada, nun momento no que a campaña da vendima deste ano está a rematar. Unha vez máis, a Xunta de Galiza chega tarde. Como exemplo, o goberno da Rioxa promulgou en xullo deste ano unha Orde no mesmo sentido que a que anunciou a Xunta. A norma rioxana establece, para as adegas que se queiran acoller a esta medida, a obriga de recoller as uvas na campaña.
A Asociación Galega de Viticultura denuncia que Xunta de Galiza está esperando ao final da campaña da vendima para publicar a Orde, e non establecer, deste xeito, a obriga de recoller a uva para acceder ás axudas para a destilación de crise. A falta de planificación e previsión da Xunta de Galiza está a conseguir o abandono da actividade da viticultura na Ribeira Sacra.