Algunhas industrias utilizan fraudulentamente o punto crioscópico, que mide a presencia de auga no leite, para acometer baixadas encubertas no prezo do leite

Para tratar este asunto como outros relacionados co sector, desde FRUGA demandamos da Consellería do Medio Rural a convocatoria da Mesa do Leite.

Sarria, 30 de setembro de 2024. A produción láctea estándar, debe cumprir uns mínimos, tanto en materia proteica, materia graxa, presencia de inhibidores, presencia de células somáticas e presencia de xermes. Evidentemente cando non se cumpren eses mínimos, nas distintas modalidades, a industria proede a aplicar penalizacións, e mesmo as veces pode chegar a suspender a recollida, sobre todo no caso de se detectar a presencia de inhibidores (antibióticos).

Xunto con estes parámetros, existe igualmente o punto crioscópico, tratase dun parámetro baseado no punto de conxelación do leite, e permite comprobar a presenza de auga engadida neste produto. O seu fin é previr certo tipo de fraudes que se poden dar na comercialización do leite. Entenden-se que o punto de conxelación do leite determina o valor de temperatura ao que se conxela o leite. Estima-se ese punto crioscópico nun valor de –0,512ºC, e polo tanto se o valor é superior indica a existencia de auga acrecentada (por exemplo -0,510ºC), pola contra puntos crioscópicos inferiores indican menor presencia de auga (por exemplo -0,514ºC). Canta maispresencia de auga no leite este conxela antes, mais próximo aos 0ºC.

Nestes momentos algunhas industrias toman como referencia o valor de -0,512ªC, a partir do que proceden aplicar penalizacións. Mas tamén existen outra serie de empresas que aplican penalizacións cando o punto crioscópico é inferior a -512ºC, nalgúns casos cando non chega a -515ºC, ou noutros casos a -514ºC, isto quere dicir que se lles está a aplicar penalización por ter menor presencia de auga da considerada como normal. Estas penalizacións son aplicadas na maior parte dos casos, con que unha sola mostra que non acada eses mínimos, e a súas contías poden chegar a 3cts de euro por ter unha analítica inferior a -515ªC.

Tendo en conta que en moitas ocasións, a alimentación do gando varia en función das distintas etapas do ano, poden existir variacións no punto crioscópico, sobre todo se os animais saen a pacer, o cal non significa que ese leite teña presenza de auga engadida, nin que se estexa cometendo ningún tipo de fraude, nin que esa produción sexa de peor calidade.

Dende FRUGA entendemos que certas industrias utilizan esas penalizacións, para aplicar unha baixada encuberta do prezo a pagarlle o produtor. Unha explotación láctea que non cumpre os parámetros arbitrarios aplicados por algunha industria, non ten porque sufrir ningún tipo de redución da cantidade a cobrar, xa que estas penalizacións, teñen unha única finalidade, baixar o prezo que se lle debe abonar as explotacións lácteas galegas.

FRUGA considera que a día de hoxe é urxente a convocatoria da Mesa do Leite, para evitar os abusos por parte dalgunhas empresas lácteas, que estamos a sufrir os produtores e produtoras de leite galegos. Igualmente consideramos que a Conselleira do Medio Rural debe tomar cartas no asunto, e defender os intereses das explotacións leiteiras galegas fronte os abusos de certas industrias, xa que os gandeiros e gandeiras estamos a sufrir unha baixada encuberta do prezo do leite, como consecuencia destas practicas aplicadas por unha parte da sector industrial operante en Galiza.