No mes de outubro o agro galego ven de sufrir grandes perdas como consecuencia do furacán Kirk, sobre todo no millo forraxeiro, a pataca e na castaña.

Postos en contacto coa Consellería a día de hoxe non obtivemos ningunha resposta a se esta ten pensado habilitar algunha axuda para facer fronte ás perdas ocasionadas polo furacán Kirk

Sarria, de decembro de 2024. O agro galego sufriu a principios do mes de outubro os efectos dunha climatoloxía adversa, concretamente os restos do furacán Kirk transformado en borrasca, que provocou importantes perdas nos cultivos forraxeiros do noso país. Principalmente o millo destinado a ensilar, viuse afectado notablemente como consecuencia de que unha parte do cultivo non puido ser recollido, debido os efectos da choiva, que impediu a entrada da maquinaria nas leiras. A dia de hoxe o millo forraxeiro, é un alimento clave na alimentación do gando de vacún de leite, cultivando-se na Galiza perto das 75000 he, e ficando sen recoller a dia de hoxe unha parte importante sen recoller, co cal as ganderías van sufrir grandes perdas pola escaseza dun forraxe clave para as súas racións.

Igualmente outros cultivos sufriron os efectos da borrasca. A recollida da pataca tamén se viu afectada porque moitas parcelas se atopar asolagadas impedindo a colleita deste ano. Observamos que neste sector os efectos ocasionaron unhas perdas considerables. Sin esquecer igualmente a recollida da castaña, que como consecuencia dos efectos de ventos fortes, caeron o chan, cando aínda non tiñan un tamaño suficiente para ser destinadas o mercado.

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, intentamos pór-nos en contacto coa Consellería do Medio Rural, para saber algo sobre as liñas de axudas que se debería abrir, co fin de sufragar as perdas sufridas polas explotacións galegas, mas a dia de hoxe non obtivemos ningunha resposta. Observamos unha vez mais como desde a Xunta da Galiza, non está a facer nada co fin de axudar o sector agro-gandeiro galego, ante unha situación de catástrofe climatolóxica.

Dous meses despois de sufrir os efectos da borrasca, aínda non sabemos nada sobre posibles indemnizacións polos danos do temporal causados nos cultivos como o do millo forraxeiro, da pataca ou a castaña. Entendemos, perante a falta de respostas, que a Conselleira non ten intención de abrir liñas de axuda polos efectos do Kirk.

Igualmente, observamos unha desidia total por parte desta Consellería, cando realmente tiña a posibilidade de adiantar o 70% de axudas PAC soamente vai adiantar o 26%. Tendo en conta a situación de dificultade na que se atopan, nestes momentos, as explotacións agro-gandeiras galegas, parece-nos un desleixo total, que a propia Xunta da Galiza non bote man desta ferramenta, que lle permite adiantar unha cantidade moi superior de axudas PAC, mesmo sen necesidade de acudir a medidas extraordinarias..

Desde a FRUGA, observamos unha vez mais o nulo interese desta Conselleira polo medio rural. A propaganda constante da Conselleira non tapa para nada a súa total neglixencia para co agro galego. Parece-nos que vai sendo hora de aplicar todas as medidas a súa disposición para favorecer os labregos e labregas deste país.