FRUGA ALERTA DA AMEAZA DUNHA NOVA VAGA LATIFUNDISTA NA GALIZA

O acaparamento de terras por grandes grupos, moitos deles alleos á actividade agraria, asi como as ofensivas sobre o monte comunal, xuntan-se ás iniciativas de corte industrial no que pode ser o tiro de gracia para o rural galego.

Xermade, 11 de decembro de 2024.- Desde a FRUGA levamos anos alertando da ameaza que supón para a estrutura territorial e social galega da chegada de grandes grupos empresariais, en moitos casos sen actividade previa no eido agrario, para implantar cultivos e actividades agro-industriais no noso territorio.

No contexto de quecemento global e a sua consecuente mudanza climática, cultivos antes propios de zonas peninsulares situadas mais ao sur (froitos vermellos, aguacates,…) ganan terreo e entran en desigual competencia con explotacións agrarias e gandeiras , xa a dia de hoxe sumidas nunha importante crise económica e territorial.

A auga como recurso a espoliar

Temo-lo visto nos últimos anos tanto coa chegada das multinacionais dos froitos roxos, os grandes grupos adegueiros do resto do estado e agora cultivos “novedosos” como o do aguacate. No actual contexto de mudanza climática, consecuencia do quecemento global, a auga e o grande recurso a perseguir polos especuladores e a agro-industria. O desembarco destes auténticos piratas ambientais e o seu modelo predador é xa unha ameaza real, e xa está a ter nefastas consecuencias en comarcas como o Ulla ou a Chaira, e pon agora o punto de mira na Mariña o o Baixo Miño.

Labreg@s reconvertid@s a xornaleir@s

Esa é a proposta de empresas como Berries Passion, competidora de Surexport na sua macro-plantación de Pacios, Begonte (situada en monte comunal), e coa intención de reproducir o modelo tamén en Curtis. Unha empresa sen ningunha experiencia previa no sector agrario que busca diversificar riscos empresariais, reinvestindo parte do seu capital obtido na industria hostaleira no sector dos pequenos froitos. Mas se alarmante é a transformación territorial e ambiental que supón o monocultivo de este tipo de especies na nosa terra, tanto ou mais é a sua proposta de reconverter aos labregos e labregas da zona en xornaleiras da súa actividade, con o que isto suporía de abandono das actividades agro-gandeiras tradicionais, temporalidade e precariedade laboral.

Galiza, à cabeza de Europa na perda de Superficie Agraria Útil

Algo que só é entendíbel polo desleixo das nosas administracións ou, peor aínda, pola decisión de transformar o noso rural definitivamente no campo de operacións ideal para o grande capital especulativo e predador, aínda que iso implique a destrución da nosa estrutura territorial e social: labradíos e viñas convertidos en eucaliptais para beneficio das pasteiras, monte transformado en macro-viñedos, pasteiros adicados á produción eólica e fotovoltaica ou à explotación mineira. Eis o futuro que nos queren deixar.

O apetecíbel monte comunal

Figura senlleira e característica do noso rural, agora obxecto da cobiza do agro-capital especulativo. As dificultades para a sua xestión nun entorno rural cada vez mais avellentado e despoboado, convertido no espazo ideal para levar a cabo o asentamento do seu modelo latifundista, lonxe da sua labor económica e social. Non é casual que boa parte destes proxectos se asenten nos montes en mao común da Galiza, xa que ocupan grandes superficies do territorio, en comparación coa superficie habitual das nosas parcelas, e grandes disponibilidades de auga.

A solución: o ordenamento real do territorio e alimentación como prioridade

Galiza non se pode permitir este cambio de facto da sua estrutura territorial e produtiva. Nun contexto internacional de crise ambiental e alimentar, sacrificar o noso territorio no nome do capital supón hipotecar definitivamente o noso futuro e afondar aínda mais na nosa dependencia económica e alimentar. Desde a FRUGA defendemos un outro modelo que antepoña o ben común e social, a produción de alimentos e a conservación do territorio como alicerces do noso rural. A recuperación da SAU, o ordenamento real do territorio e os seus usos son fundamentais e irrenunciábeis para a nosa sociedade, e son pasos necesarios no camiño ao que, e non pode ser de outra maneira, construír un modelo propio de rural co camiño á nosa soberanía alimentar.