A XUNTA DE GALIZA OFRECE AXUDAS QUE VAN EN CONTRA DA VITICULTURA GALEGA.

Desde a Xunta de Galiza fomenta-se o desembarco de grandes grupos empresariais na viticultura galega en prexuízo das adegas propias.

Pontevedra, 13 de decembro de 2024.

A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza vén de publica unha Orde de Axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo de Garantía Agraria (FEAGA). Comeza, no seu obxecto, con boas intencións, que moi pronto decaen. A finalidade de mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola galego pouco ou nada ten que ver con que os beneficiarios destas axudas poidan ser grandes grupos empresariais foráneos que teñan como proxecto instalarse en Galiza.

Na Asociación Galega de Viticultura (AGV) levamos denunciando desde xa hai varios anos o perigoso que é para a vitivinicultura galega en concreto para as pequenas adegas e os viticultores e viticultoras o desembarco de capital estranxeiro. No artigo 3.1 detállase que poden ser beneficiarios desta axuda “empresas vitivinícolas que produzan ou comercialicen produtos vitivinícolas no momento da solicitude”. Ao tempo, no artigo 3.3 tamén di, de xeito literal: “os solicitantes das axudas deberán ter instalacións situadas en Galicia ou prever telas coa execución dos investimentos para os cales se solicita a axuda”. En conclusión, a estas axudas van poder acceder empresas foráneas que queiran instalarse nas zonas vitivinícolas galegas.

Ademais, esta Orde de axudas sitúa a cantidade mínima de inversión para poder obtela en 100.000 euros, relegando ás axudas FEADER aos demais proxectos de investimentos menores desa cantidade. Trátase, deste xeito, dunha axuda que beneficia ás grandes empresas, deixando unha vez máis de lado ás pequenas adegas. Estas adegas, proxectos pequenos, cómpren un papel fundamental para garantir o futuro da vitivinicultura tradicional, como por exemplo no caso da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Sen estas adegas, as persoas viticultoras desta zona verán agravada a situación que sufriron este ano, no que lles deixaron de recoller a uva. Se estas adegas non poden acceder a esta liña de axudas poderán ver-se abocada ao peche e ao final os viticultores e viticultoras destas zonas non van ter a quen lle vender a súa produción.

É en definitiva unha axuda para as élites, que beneficia ás grandes adegas e aos grandes grupos empresariais que ven na Galiza unha oportunidade de mercado, afogando ás pequenas adegas galegas. Unha vez máis, a Xunta de Galiza vai contra os intereses da viticultura galega tradicional, favorecendo os intereses das grandes empresas.