AS AXUDAS Á CONSERVACIÓN DA PAISAXE NA RIBEIRA SACRA NON SON A SOLUCIÓN Á CRISE.

A Xunta da Galiza opta por medidas cosméticas en vez de por medidas efectivas que garantan o futuro das persoas viticultoras da Ribeira Sacra, reducindo a actividade vitícola a un decorado.

Barro, 9 de xaneiro de 2025. Se en outubro a Xunta de Galiza publicou unha Orde de Axudas para a destilación de crise, tirando polo chan o prestixio da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, o 30 de decembro publicou a tamén anunciada Orde de Axudas para a conservación do contorno paisaxístico da Ribeira Sacra. Na exposición de motivos, a Orde expresa a que lle outorga importancia a Xunta de Galiza: a que no 2026 se avalía a Ribeira Sacra para ser declarada patrimonio mundial pola UNESCO e á relevancia que ten iso para o turismo, reducindo o cultivo da vide a unha contribución “moi significativa á singularidade paisaxística desta zona”, deixando en segundo lugar a actividade vitivinícola é un sector económico fundamental, sustento da poboación que vive na zona. En resumo, e dito en poucas palabras, para a Xunta de Galiza, a Ribeira Sacra é unha paisaxe, e a actividade vitivinícola, pouco máis que un decorado.

Non é insignificante que o lema da candidatura que se presenta á UNESCO é: “Ribeira Sacra. Paisaxe da auga”. Non se menciona que a Ribeira Sacra ten ese valor paisaxístico pola actividade vitivinícola, que no 2024 experimentou o peor momento da súa crise, cando adegas deixaron uvas sen recollerlle ás persoas viticultoras da zona.

A Orde de Axudas que se publicou o pasado 30 de decembro no DOG é, unha vez máis, mostra do descoñecemento e/ou nulo interese deste goberno galego para coa actividade vitivinícola, xa que en vez de poñer sobre a mesa solucións integrais para paliar a crise na Ribeira Sacra, asegurando o futuro das persoas viticultoras garantindo-lles que se lles vai recoller a uva, no caso de na próxima vendima se reproduza a situación deste ano, e non con axudas que favorecen sempre ás persoas viticultoras que teñen máis terreo e máis poder adquisitivo. Achegan, deste xeito, ao abandono a aqueles viticultores que teñen un produto de gran calidade e de gran valor pero non ven solución aos problemas económicos que lles causa a crise na Ribeira Sacra. En ningún caso estas axudas, se queren ser sociais e abranxentes, poden estar ligadas a superficie.