O recente caso destapado na Terra Cha seria a punta do iceberg.
A alfombra vermella posta a disposición oda agro-industria por parte da Xunta contrasta coa dificultade de continuar ou emprender iniciativas agraria e socialmente sustentábeis por parte dos labregos e as labregas.

Lugo, 29 de xaneiro de 2025.- Tras a recente inspección laboral e policial desenvolvida na Galiza, co resultado e tres persoas investigadas e o achádego de mais de oitenta xornaleiros e xornaleiras sometidas a explotación laboral, desde a FRUGA non podemos mais que reiterar a nosa repulsa a un fenómeno que cada vez, se non se lle pon xa couto, vai ser mais habitual na nosa terra.
Un modelo agrario ao servizo dos grandes capitais
Nos últimos tempos estamos a ver con preocupación a chegada de grandes grupos empresariais a Galiza, algúns deles mesmo sen experiencia previa na actividade agraria, na procura de grandes superficies agrarias nas que implantar cultivos de froitos vermellos, viña ou froitos subtropicais, como o aguacate. Estes movementos da produción veñen motivados principalmente polo esgotamento de recursos noutras latitudes do estado en boa medida, e facilitados por unhas políticas agrarias que na Galiza están a levar a un sucesivo abandono das terras de labor tradicionais. A isto temos que sumar a mais que apetecíbel superficie que proporcionan os montes veciñais en mao común que, como no caso de Pacios en Begonte, proporcionan o espazo ideal para a sua actividade predadora.
Aplausos desde a administración autonómica
A chegada no seu dia de Surexport, pondo unha das primeiras “picas” deste modelo na Galiza, xa fora aplaudida e felicitada pola administración galega, e presentada como o “futuro” do medio rural. Tal paixón amosada pola chegada do latifundismo so pode ser explicada desde o seu desprezo, xa non ao territorio mas tamén as persoas que desde tempo inmemorial o habitamos, coidamos e producimos alimentos para a nosa sociedade.
Concentración da produción
Ao fenómeno anterior temos que acrecentar a sucesiva e implacábel concentración e zonificación das distintas producións tradicionais agrarias no noso territorio. No nome da especialización e da competitividade “empresarial”, vivimos no día a día o feche de explotacións, a venda de dereitos de produción e a concentración da capacidade produtiva en cada vez menos maos. O resultado: abandono do territorio, despoboamento e avellentamento da poboación do rural, ademais dunha cada vez maior intensificación e industrialización das producións no nome da modernidade e da asunción desa novo “estatus” empresarial vendido aos e ás titulares das explotacións.
Voltar a pór os ollos e os pes na terra
O rural da Galiza as persoas que “resistimos” estas prácticas agresivas por parte de empresas e administracións contra a nosa actividade precisamos de políticas agrarias precisamente no sentido contrario: que blinden as producións tradicionais, a diversificación das mesmas, o coidado do territorio e a alimentación da sociedade como prioridade, e non fomenten estes modelos que van precisamente no sentido contrario e que so traen abandono, espolio de recursos tan imprescindíbeis como a auga, contaminación e beneficios económicos so para uns poucos.