Os novos aranceis ao viño galego en Estados Unidos: unha disputa comercial con culpábeis a ambos lados do Atlántico.

Pontevedra, a 28 de marzo de 2025.

O viño galego enfronta un novo obstáculo na súa exportación a Estados Unidos. O goberno estadounidense anunciou un incremento significativo dos aranceis ao viño europeo, incluíndo os galegos, como parte das represalias comerciais contra a Unión Europea (UE). A medida, que pode provocar a expulsión dos nosos viños do mercado estadounidense, non é un capricho presidencial de Donald Trump, senón unha clara e deseñada estratexia das elites políticas dos Estados Unidos.

A decisión do goberno estadounidense vén motivada pola resposta da Unión Europea a un conflito comercial previo. Bruxelas optou por defender o whisky europeo, promovendo un incremento dos aranceis ao whisky estadounidense. En resposta, Whashington decantouse por castigar un dos produtos estrela da exportación europea: o viño. Este intercambio de golpes entre bloques comerciais non só afecta a grandes potencias vitivinícolas como Francia ou Italia, senón que impacta directamente nas adegas galegas, que nos últimos anos lograron abrirse paso en Estados Unidos grazas á diferenciación e calidade dos viños. A imposición de novos aranceis suporá un aumento de prezos enorme do consumidor final, reducindo a competitividade fronte a viños locais.

O sector vitivinícola galego non pode ser moeda de cambio para a loita comercial entre Estados Unidos e a Unión Europea. É fundamental que a UE, no lugar de centrarse na defensa do whisky, negocie unha solución equilibrada que non prexudique o viño. De non facelo, moitas adegas galegas terán serios problemas para vender os seus viños, ao desaparecer unha fonte de vendas tan importante.