Resolución que ven respaldar as posicións mantidas tradicionalmente pola FRUGA

Santiago de Compostela, a 12 de xuño de 2025. Reiteradamente desde a Federación Rural Galega – FRUGA vimos mantendo que a solución aos problemas que pode causar a presencia do lobo no noso rural nas actividades agropecuarias non pode ficar en maos de entidades privadas de caza, como é a intención da Xunta da Galiza, así como que a conservación do lobo non se pode facer a costa dos sectores pecuarios, xa que esta é responsabilidade de toda a sociedade. Neste sentido, en comunicado de prensa de setembro de 2021, dicíamos que os custes da conservación do lobo non pode recaer sobre as costas dos sectores gandeiros, senón que terá de ser responsabilidade de toda a sociedade.
Por outra parte en febreiro de 2021, noutro comunicado emitido pola nosa organización, demandabamos da Consellería de Medio Ambiente que asumira as súas responsabilidades e a non facer deixación das súas funcións derivando as súas funcións as sociedades de cazadores ao pretender facer recaer sobre as sociedades de caza o control do lobo, o que pode polarizar aínda máis a sociedade entre defensores e detractores da caza, actitude que unha gobernante ou dirixente nunca pode, nin debe facer. Desde a FRUGA facíamos un chamamento á sociedade para non caer nesta trampa.
Xa daquelas preguntábamos á Consellería de Medio Ambiente se tiña estudos e traballos feitos pola comunidade científica de que todas as poboacións que se teñen como lobos o son, ou se cabería a posibilidade de que algunha fose de poboacións híbridas, xa que esta circunstancia xa se comprobou, nalgunha parte do País, onde as probas de ADN demostraron que non se trataban de poboacións de lobo puras, polo que exiximos da Consellería de Medio Ambiente maior rigor científico.
Todas estas consideracións ven-se agora respaldadas pola resolución emitida polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, o TSXG, cando anuncia a suspensión cautelar da resolución da Xunta da Galiza a medio da que se permitía a caza do lobo, en base a que os danos provocados polo lobo aos sectores pecuarios “aínda non sendo reversíbeis, si son indemnizábeis”, ademais de que segundo manifesta a resolución do TSXG a administración galega “non ofrece información cualitativa nen cuantitativa dos danos causados”.
En definitiva esta resolución confirma o que viñamos dicindo desde hai moito tempo desde a FRUGA, polo que lle demandamos á señora conselleira Anxeles Vázquez que rectifique a sua liña de actuación a respecto da problemática do lobo e deixe de ser correa de transmisión de campañas da extrema dereita e da dereita extrema.
Follow