A Consellería do Medio Rural adopta medidas paliativas sen ter en conta a opinión de todos os sectores implicados.

En Pontevedra, a 8 de xullo de 2025. Após da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 2 de xullo da autorización, por primeira vez, da aplicación da colleita en verde para 16,28 hectáreas nas Denominacións de Orixe Ribeira Sacra e o Ribeiro (13,13 ha na DO Ribeira Sacra e 3,15 ha na DO Ribeiro), a AGV demanda que a Xunta de Galiza busque en serio, solucións para os excedentes na Ribeira Sacra. Volve a demostrar unha vez máis unha falta de planificación real para o sector vitivinícola galego. A medida, que vai na liña de paliar a crise de excedentes, volve ter un enfoque amortecedor, sen afrontar as causas estruturais que sofre a viticultura, sobre todo na Ribeira Sacra.
A medida, regulada na Orde do 4 de Abril de 2025 ten como obxectivo restaurar o equilibrio entre oferta e demanda, sen entender nin estudar por que existe ese desequilibrio. Todas as medidas que foi tomando a Consellería de Medio Rural son parches, que demostran pouca ambición para solucionar estruturalmente un problema que cada vez se agrava máis.
As axudas á poda en verde demóstranse non efectivas cando no terreo que máis necesidade hai, só se acollen 13,13 hectáreas, das 1.308 inscritas na Denominación de Orixe, un 1%. As medidas paliativas, desta e de todas as solucións que aplica a Xunta de Galiza sobre o terreo, van cara o problema cando xa existe, non se anticipa a el. Non hai, nin se albiscan, plans para a formación, nin sequera a elaboración de campañas de promoción dos viños tintos ou a procura de novos mercados onde as adegas poidan vender os seus viños.
En definitiva, volvemos estar diante dunha política da Xunta que non é positiva para as zonas vitivinícolas, e que reúne os requisitos para as políticas da Consellería de Medio Rural: baratas (63.000 euros) e sen impacto real. Como é costume neste Goberno da Xunta, as decisións tómanse sen ningún tipo de diálogo social, sen convocar mesas de traballo con todos os sectores afectados, e sen que estes poidan propoñer solucións que teñan un impacto real para atallar o problema.
Follow