A FRUGA considera que o sistema de crotais electrónicos non debe ter carácter obrigatorio e si voluntario de acordo coa opinión da Unión Europea

Reclamamos-lle a Xunta de Galiza que faga os trámites e xestións pertinentes perante o Ministerio de Agricultura para conseguir abolir esta obrigatoriedade.

Sarria, 17 de xullo de 2025. A Federación Rural Galega – FRUGA, considera que a posta en marcha do sistema de identificación con crotais electrónicos do bovino de carne, non se debe levar adiante baixo ningún concepto de forma obrigatoria. Neste sentido é bon ter de conta que a propia Unión Europea, a través dun informe considera que a aplicación do sistema de crotalaxe electrónico debe-se de facer de forma voluntaria

A competencia para a súa posta en marcha recae en cada un dos Estados membros da UE, en consecuencia é o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) o responsábel da sua aplicación, mas esta medida desde a FRUGA entendemos, de acordo co informe ao que se fixo referencia anteriormente, que non debería ter carácter obrigatorio para todas as explotación de bovino de carne, mas si voluntario para todas aquelas que así o desexen.

Este novo sistema de identificación, leva implícito un aumento dos custos que volveran a recaer nas propias explotacións gandeiras galegas, sin obter ningún tipo de beneficio, sendo os matadeiros e as salas de despece os únicos beneficiarios deste novo sistema. Algo do que xa advirten diversos estudos de viabilidade realizados a instancias da Comisión Europea.

As veces ditar unha norma desde un despacho, pode ver-se como algo totalmente factible, sen ter en conta a opinión de quen realmente a ten que aplicar. A aplicación do crotal convencional na orella dereita, e o crotal electrónico na esquerda, pode parecer como algo moi innovador, mas as veces pode supor problemas á hora de identificar os animais, sobre todo en explotacións extensinvas, onde é mais difícil este sistema de marcaxe.

A día de hoxe, aínda non observamos ningún pronunciamento da Conselleira do Medio Rural sobre este asunto. Desde a FRUGA reclamamos-lle a Xunta de Galiza que se poña do lado das gandarías galegas e faga os trámites e xestións pertinente perante o Ministerio de Agricultura, como ten feito en outros asuntos, para conseguir abolir a abrigatoriedade de implantar o crotal electrónico a todas explotacións de bovino de carne. Cando menos a Consellería do Medio Rural debería ter convocado a todas as partes implicadas neste proceso, e defender o carácter voluntario da aplicación do sistema de crotalaxe electrónico.

A Federación Rural Galega – FRUGA quere manifestar o noso total desacordo coa aplicación desta medida de forma obrigatoria, cando realmente, segundo determina a propia Unión Europea, os Estados membros poden optar por a súa non implantación. Non é de recibo que ante tal situación, a propia Consellería prefira mirar para outro lado e non defenda a voluntariedade desta medida.