A Asociación Galega de Viticultura reclama á Xunta solucións realistas para afrontar a crise da Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra non precisa parches, precisa unha estratexia a longo prazo

Pontevedra, 21 de xullo de 2025. A Asociación Galega de Viticultura (AGV) reclama á Xunta de Galiza que se deixe de aplicar medidas curtopracistas e aposte de forma decidida por solucións estruturais que garantan o futuro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A falta de planificación e a pasividade da Consellería do Medio Rural agravaron unha situación que xa era preocupante, malia os avisos reiterados desde o propio sector.

Desde a pandemia, a AGV advertiu que o consumo de viños tintos estaba caendo e que moitas adegas da Ribeira Sacra acumulaban excedentes. A Xunta non reaccionou a tempo. Só cando a situación se volveu insostible e varias adegas anunciaron que non recollerían uva, a Consellería optou pola vía de urxencia. Primeiro impulsou unha destilación de crise que acabou aplicándose a 500.000 litros de viño, cun custo de 350.000 euros, e que non tivo impacto real. Despois puxo en marcha unha orde de axudas á poda en verde, á que apenas se acolleu o 1 % da superficie da denominación, cun gasto de 63.000 euros. En total, máis de 400.000 euros investidos en medidas estériles, que non solucionaron nada.

Para a AGV, o primeiro paso imprescindible é a convocatoria dunha Mesa do Viño, un espazo de diálogo e planificación no que todo o sector —viticultores, adegas, consellos reguladores e organizacións agrarias— poida achegar propostas e traballar conxuntamente en medidas eficaces e duradeiras.

Fronte á improvisación institucional, a AGV propón actuacións claras e realistas. Defendemos a necesidade de establecer contratos homologados con prezo garantido, que dean seguridade e estabilidade a quen produce, tanto na Ribeira Sacra como no conxunto do país. A isto cómpre engadir a fixación de prezos por riba dos custes de produción, unha condición básica para asegurar a sustentabilidade da viticultura galega en todas as denominacións. Para que isto sexa posible, é urxente que a Xunta realice un estudo actualizado dos custes de produción da uva, que leva anos sen revisarse e sen servir de base para políticas coherentes. É necesario, nesta liña, que se modifique a Lei da Cadea Alimentar, que di que os custes de produción se establecen de xeito individual. Isto, que deixa nunha posición de clarísima desvantaxe ás persoas viticultoras, precisa unha modificación, no senso de que os estudos que realice a Administración ou mesmo que os valide, teñan carácter de obrigatorio, e que eses custes de produción sexan os establecidos para o sector.

Do mesmo xeito, resulta imprescindible unha estratexia seria de comercialización. É necesario poñer en marcha unha campaña de promoción interna dos viños tintos galegos, que permita dinamizar o consumo no país e aliviar a presión das adegas. E, en paralelo, debe impulsarse a promoción exterior dos viños galegos, abrindo novos mercados internacionais e reducindo a dependencia do estadounidense, que demostrou ser inestable e insuficiente.

A Ribeira Sacra non precisa máis parches. Precisa unha estratexia a longo prazo, con planificación, visión e compromiso co territorio. A AGV reafirma o seu apoio ás viticultoras e viticultores que, ano tras ano, manteñen viva esta paisaxe e esta tradición, e reclama da Xunta unha resposta á altura dun sector estratéxico para Galiza.